Novidades nos Pixel na primeira actualización do 2024

Google inicia este 2024 anunciando o primeiro paquete de novidades para os seus dispositivos Pixel en forma de actualización. Grazas á Intelixencia Artificial (IA), as usuarias de modelos como os Pixel 8 e Pixel 8 Pro desfrutarán de melloras no xeito de buscar, novas formas de crear e un xeito máis sinxelo de sincronizar os auriculares Buds.

A primeira destas novidades é Rodea para Buscar, que estará dispoñíbel a partir deste mércores. Tras tela anunciado en colaboración con Samsung nos seus Galaxy S24, chega aos Pixel 8 / Pixel 8 Pro este novo xeito de buscar, que permite rodear cun círculo algo que nos interese do que sae na pantalla para que se execute unha busca.

Por outra banda, Redacción Máxica en Mensaxes de Google emprega a IA xenerativa para escribir unha mesma mensaxe en diferentes tons, para facelos máis concisos, máis profesionais ou máis teatrais, segundo o que busquemos. Esta función chega ao Pixel 6 e modelos posteriores, e no Pixel 8 Pro emprega unha linguaxe máis eficiente grazas a Gemini Nano, o modelo máis avanzado.

A función Fotomoji permite transformar fotos en reaccións coa axuda da IA de Google que se executa no dispositivo. Funciona seleccionando unha foto e revisando como se quere reaccionar, para logo poder envialo.

Con Quick Share (antes Compartir con Nearby) pódese compartir imaxes, arquivos e texto rapidamente con outros dispositivos do ecosistema Android, Chromebook e Windows, coa vantaxe de non ser necesario ter conexión. E por último, engádese ao Pixel Watch a función de Cambio de Audio, o que fai máis fluído o cambio dos Pixel Buds Pro desde o reloxo cando cambiamos de dispositivo, recibindo as notificacións de calidade.

Todas estas funcións xa se están a recibir nos últimos modelos Pixel, nun despregamento de software que durará unhas semanas.

Nova cor para o Pixel 8 / Pixel 8 Pro.

Máis aló das novidades software que chegan aos dispositivos Pixel, Google tamén anunciou a dispoñibilidade dos modelos Pixel 8 e Pixel 8 Pro nunha nova cor Mint (menta), un verde co que queren aportar frescura ao portfolio de dispositivos.

Sobre o autor

Reply