OPPO e Nokia chegan a un acordo tras ano e medio de disputas por licenzas

A finais da semana pasada OPPO e Nokia acadaron un acordo global de licenzas cruzadas que cubre patentes esenciais no ámbito 5G e outras tecnoloxías de comunicación móbil. Tras ano e medio de liortas, con este acordo ambas partes resolverán todos os litixios pendentes en todas as xurisdiccións, se ben os termos específicos deste pacto serán confidenciais por mutuo acordo.

As orixes do conflito remóntanse ao verán de 2022, cando un tribunal de Alemaña considerou que OPPO e outros fabricantes chineses estaban a vender móbiles sen licenza, e prohibiu a venda nese país. Porén, na China, o resultado foi favorábel a OPPO. En todo caso, e tras un conflito tamén en Francia, OPPO decidiu abandonar Europa nas gamas máis altas, pero esta situación podería cambiar tras o acordo acadado con Nokia.

A data 31 de decembro de 2023, OPPO conta con patentes de estándares de comunicación 5G en máis de 40 países e rexións, cun total de máis de 5.900 familias de patentes en todo o mundo, máis de 3.300 patentes de estándares 5G declaradas ao ETSI e máis de 11.000 documentos de estándares presentados ao 3GPP. Segundo diversos informes, OPPO atópase entre as principais empresas do mundo en termos de fortaleza no ámbito de patentes esenciais para o estándar 5G.

Sobre o autor

No Responses

Reply