A comezos de semana avaliamos algunhas das alternativas das que dispoñen as usuarias para poder desfrutar de conexións de alta velocidade en entornos nos que aínda non existe cobertura de fibra, unha necesidade que gaña especial importancia se temos en conta o apagado do ADSL previsto para o próximo 19 de abril.
Unha desas alternativas é a proposta financiada polo Estado español que permite o acceso ás conexións satélite a través de Hispasat cun prezo de 35 €/mes, e que tal e como estaba previsto, vén de duplicar a velocidade chegando aos 200 Mbps en sentido descendente e 10 Mbps en sentido ascendente.
Este servizo está destinado a zonas nas que non existen alternativas mediante fibra ou conectividade móbil 5G ou 4G cun mínimo de 50 Mbps, polo que pode resultar de interese para moitas usuarias, especialmente en entornos rurais.
Como principais vantaxes deste servizo -ademais da velocidade e o prezo- destaca que ten a alta gratuíta e que non existe permanencia no mesmo. Os datos que ofrece son ilimitados, malia que só os primeiros 150 GB do mes teñen prioridade, consumidos os cales a velocidade pode verse reducida se existe conxestión na rede. Iso si, entre a 1.00 e as 6.00h o consumo non computa neses 150 GB. A súa latencia é de 690 milisegundos.
A principal competencia deste servizo no noso país é a que exerce Starlink (59 €/mes), cunha velocidade de conexión semellante, mais sen límite de descarga e cunha latencia moi inferior, de entre 20 e 40 milisegundos. Isto conségueo grazas a empregar unha constelación de satélites máis baixa para dar servizo.
Máis información | Conéctate35