Toda a información da Galaxy Tab Active5, a nova tablet robustecida de Samsung

Moitas empresas precisan para o seu día a día dispositivos que ofrezan un plus de resistencia ante os golpes ou sobre o entorno no que van ser usados. Por iso o mercado dos dispositivos robustecidos ofrece unhas alternativas cada vez máis interesantes. Samsung é un dos fabricantes que traballa este tipo de trebellos, e se hai uns días falamos do seu último smartphone robustecido, o Galaxy Xcover7, hoxe toca falar de tablets, coa nova Galaxy Tab Active5 como protagonista.

A Galaxy Tab Active5 está equipada cunha pantalla de 8 polgadas, con formato 16:10 e taxa de refresco de 120 Hz. Vén protexida con Gorilla Glass 5, o mellora substancialmente a súa durabilidade e resistencia ás rabuñadas. Ademais, permite axustar a sensibilidade táctil, facilitando o uso para traballadoras que empregan luvas no desenvolvemento da súa actividade.

No seu interior leva un procesador de oito núcleos de 5 nm, con versións de 6 + 128 GB ou de 8 + 256 GB, en ambos os dous casos ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade. A súa batería é de 5050 mAh de capacidade, reemprazábel, como adoita ser habitual neste tipo de dispositivos robustecidos.

Ofrécese en dúas variantes de conectividade: WiFi 6 e WiFi 6 con 5G, en ambos os casos con Bluetooth 5.3. Tamén leva conector POGO e jack de audio 3.5 e lapis S-Pen para facilitar o manexo ou a introdución de datos, así como teclas físicas.

Mais o realmente diferencial neste modelo son as súas certificacións de resistencia, que veñen dadas polos estándares IP68 e MIL-STD-810H. O primeiro garante a protección fronte auga e pó (1,5 metros de profundidade durante 30 minutos), e o segundo implica ter superado probas en condicións específicas como altitude, humidade, inmersión, néboa salina, pó, vibración e caídas.

Dispoñibilidade e prezo

A Samsung Galaxy Tab Active5 xa se pode mercar por uns 600 euros, aínda que operadores como Movistar ofréceno por algo menos de 500 euros para clientes empresariais e pago mensual.

Sobre o autor

Reply