O realme C67 chega ao noso país con cámara de 108 MP e un prezo de lanzamento de 159 €

realme celebrou esta mañá o evento de presentación do seu novo dispositivo de gama entrada, o realme C67, un trebello que chega para substituír ao C55 e que pretende destacar entre toda a oferta de modelos de gama entrada dispoñíbel no mercado.

Para facelo posíbel, a nova incorporación de realme á serie C ofrece ás usuarias características que destacan fronte a competencia, entre elas a súa cámara de 108 MP, mais tamén un procesador Qualcomm Snapdragon 685 fabricado en 6 nm e até 256 GB de memoria interna. Así mesmo, o seu deseño destaca pola delgadez, con 7,59 mm de grosor.

A súa pantalla é un panel LCD de 6,72 polgadas con resolución Full HD+ (2400 x 1800 píxeles), con taxa de refresco de 90 Hz e un brillo máximo de 950 nits. No interior, ademais do procesador Qualcomm, dispón de 6 ou 8 GB de memoria RAM -ampliábeis noutros tantos mediante RAM virtual- combinados con 128 ou 256 GB de memoria interna.

No apartado fotográfico destaca a cámara principal de 108 MP con f/1.75, que está acompañada por un segundo sensor de 2 MP macro con f/2.4. A cámara frontal é un sensor de 8 MP con f/2.0

Completando a ficha de especificacións temos unha batería de 5.000 mAh de capacidade, con carga de 33W, conectividade 4G e WiFi6, NFC, resistencia á auga segundo o estándar IP58 e conector de audio jack de de 3.5 mm.

Con esta folla de especificacións, o realme C67 posiciónase como unha das alternativas máis interesantes na gama entrada que está dispoñíbel no noso país, un espazo que a compañía aspira a cubrir, pretendendo acabar este 2024 situada entre as catro marcas máis vendidas.

Dispoñibilidade e prezo

O novo realme C67 está dispoñíbel desde hoxe en dúas cores, verde e negro, e en dúas versións: 6 +128 GB ou 8 + 256 GB. O seu prezo oficial é de 219 € para o modelo 6 + 128 GB, e de 239 € para o de 8 + 256 GB.

Como promoción de lanzamento, entre hoxe e o 12 de febreiro pódese adquirir o modelo de 6 +128 GB por 159 € nunha oferta exclusiva de Amazon. Pola súa banda, o modelo de 8 + 256 GB está dispoñíbel a través de todas as canles por 199 € até o 18 de febreiro.

Sobre o autor

Reply