A UE obriga a que as transferencias sexan de balde e instantáneas

Ter que esperar un par de días para recibir na conta unha transferencia realizada desde outra entidade, ou pagar para que sexa instantánea, serán cousas do pasado en pouco tempo. O Parlamento Europeo vén de aprobar unha actualización da normativa de pagos europea, que obrigará a que as transferencias dentro da Unión Europea sexan executadas de maneira inmediata, con independencia do momento no que se executen.

Segundo se extrae do documento, as transferencias entre contas bancarias europeas realizaranse en menos de 10 segundos, tempo durante o cal o pagador deberá ser informado sobre se os cartos chegaron de maneira correcta ao destinatario ou, se pola contra, se produciu algunha incidencia.

Deste xeito, as transferencias equipáranse ao servizo que xa ofrece Bizum, e que precisamente colleu gran popularidade pola inmediatez das transaccións con independencia do banco empregado, alén de por só ser necesario coñecer o número de móbil para poder facelas.

As entidades bancarias disporán dun ano para adaptarse e aplicar esta normativa, que tamén se aplicará aos países que non empregan o euro. Porén, neste último caso, os bancos disporán de máis tempo para a adaptación.

Esta medida súmase a unha nova normativa aprobada hai uns días que obriga aos bancos a habilitar un botón que permita cancelar calquera produto ou servizo, incluídas as propias contas, desde as súas aplicacións, simplificando un proceso que algunhas entidades viñan dificultando á mantenta.

Máis info | EU

Sobre o autor

Reply