Vodafone anuncia a ampliación da súa cobertura 5G co obxectivo de chegar ao 82% da poboación e a un total de 2.700 concellos a finais deste ano, superando así as obrigas de despregamento comprometidas. A operadora emprega a frecuencia 5G de 700 MHz para mellorar a súa cobertura, especialmente en interiores de edificios, proporcionando gran dispoñibilidade de ancho de banda e de transmisión de datos, o que supón unha enorme vantaxe en entornos rurais e pequenas localidades.
Con estes datos, Vodafone despregará 5G en 147 concellos de menos de 1.000 habitantes, e en 553 poboacións de entre 1.000 e 50.000 habitantes, ofrecendo menor latencia para acceder a contidos e proporcinando un servizo 5G diferencial para reducir a fenda dixital rural, que se agudizará a partir de abril ao rematar o servizo ADSL.
Ademais, Vodafone tamén incrementou os emprazamentos da súa rede NB-IoT (Banda Estreita de Internet das Cousas), que na actualidade chega a todas as capitais de provincia e aos seus arredores, con máis de 16.886 emprazamentos de rede actualizados con esta tecnoloxía. Grazas a este despregamento, Vodafone conta con máis de 6,57 millóns de liñas IoT activas a 31 de decembro de 2023, o que supón un incremento do 34% respecto ao exercicio anterior.
Entre os 700 concellos nos que Vodafone despregará melloras na cobertura 5G este ano hai 71 galegos, a meirande parte deles poboacións rurais de menos de 5.000 habitantes, como Corcubión, A Gudiña ou Castrelo de Miño, aínda que tamén localidades de máis de 10.000, como Ames, Sarria ou A Estrada.
Despregamentos na rede 4G
En canto á rede 4G, Vodafone confirma que o 99,62% da poboación de todo o Estado está cuberta con esta tecnoloxía, e durante o exercicio fiscal 2022-23 puxo en servizo máis de 1.100 novos emprazamentos de 4G na banda de 800 MHz.
Ademais, a operadora segue evolucionando sobre 4G con tecnoloxías xa absolutamente integradas na súa rede, como 4G+ (LTE-A), que chega a 2.739 concellos, e VoLTE, que xa supera o 50% dos minutos de voz que se consumen na súa rede.