O próximo luns Barcelona abre as portas dunha nova edición do Mobile World Congres, o maior evento do mundo da telefonía móbil, aínda que algúns fabricantes -como Xiaomi ou Honor- teñen programados os seus anuncios para esta mesma fin de semana na Cidade Condal.
Energizer será unha das marcas que estará presente nesta feira cun stand propio, onde está previsto que dea a coñecer un novo teléfono: o Energizer P28K. Convertirase, cando sexa oficial, o smartphone coa batería de maior tamaño vista nunca nun teléfono, cunha capacidade de 28.000 mAh, cinco veces máis do habitual nos dispositivos que adoitan saír ao mercado.
Xunto a este dato, tamén se filtraron outras características deste terminal, que inclúe a presenza dunha pantalla IPS LCD de 6,78 polgadas con resolución 1080 x 2640 píxeles, ou unha configuración de triple cámara traseira (60 + 20 + 2 MP). Tamén se fala de que será resistente a pó e auga segundo o estándar IP68 e que terá capacidades de dual SIM.
A imaxe filtrada apunta a un teléfono tipo robustecido, mais só amosa a parte frontal e a traseira. A incógnita está no grosor que ten este novo smartphone e, sobre todo, o peso que implica contar con semellante pila. En calquera caso, sairemos de dúbidas en poucos días.
