Os Grupos Orange e MásMóvil recibiron onte a autorización da Comisión Europea para combinar as súas operacións no Estado español, un permiso imprescindíbel para que a fusión de ambos grupos poida seguir adiante. A unión formalizarase nunha Joint Venture, controlada ao 50-50 por Orange e MásMóvil, cos mesmos dereitos de gobernanza na entidade combinada.
A Joint Venture resultante converterase nun operador líder do mercado por número de clientes, sumando máis de 7,3 millóns de clientes de banda ancha, máis de 30 millóns de servizos móbiles e 2,2 millóns de clientes de televisión.
Así mesmo, tamén xestionará importantes activos de rede e de IT para dar cobertura FTTH e 4G/5G, e en termos financieiros, convertirase nun operador con ingresos estimados de 7.400 millóns de euros.
Cesión do espectro
A Comisión Europea obriga ao Grupo resultante a ceder os chamados remedies para garantir a competencia, polo que as partes acordaron ceder a Digi 60 MHz de espectro móbil, así como tamén propoñer un acordo opcional de roaming nacional. Esta operación está pendente de aprobación por parte do Goberno do Estado.
As previsións apuntan a que será a finais do primeiro trimestre cando a compañía poida cumprir todas as condicións para o peche da operación. Até ese momento, ambos grupos seguirán operando de maneira independente.