Logo de ter sido anunciados na China a finais do ano pasado, Xiaomi aproveitou o seu paso polo Mobile World Congress de Barcelona para anunciar de maneira global os novos Xiaomi 14 e Xiaomi 14 Pro. Entre as súas novidades máis destacadas están o uso de HyperOS, o seu sistema operativo propio, así como melloras na cámara e o uso do último procesador de Qualcomm.

Especificacións técnicas
A continuación deixamos unha compartiva das especificacións técnicas de ambos dispositivos, que posterioremente analizaremos.
Xiaomi 14 | Xiaomi 14 Pro | |
---|---|---|
Dimensións e peso | 152,8 x 71,5 x 8,2 mm 193 gramos | 161,4 x 75,3 x 8,49 mm 223 gramos |
Pantalla | AMOLED LTPO de 6,36 polgadas Resolución1,5K de 2.670 x 1.200 Taxa refresco 1-120 Hz HDR10 Brillo até 3000 nits | AMOLED LTPO de 6,73 polgadas Resolución 2K de 3.200 x 1.440 Taxa refresco 1-120 Hz HDR10 Brillo até 3000 nits |
Procesador | Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 | Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 |
RAM | 8 GB / 12 GB / 16 GB | 12 GB / 16 GB |
Memoria interna | 256 GB / 512 GB / 1 TB | 256 GB / 512 GB / 1 TB |
Cámara frontal | 32 MP | 32 MP |
Cámara traseira | Principal: 50 Mpx con OIS e f/1,6 Gran angular: 50 Mpx con 115º e f/2,2 Telefoto: 50 Mpx f/2,0 con OIS | Principal: 50 Mpx con OIS e f/1,42 variable a f/4,0 Gran angular: 50 Mpx con 115º e f/2,2 Telefoto: 50 Mpx f/2,0 con OIS |
Batería | 4.610 mAh Carga rápida de 90 W por cable Carga sen fíos de 50 W Carga reversíbel de 10 W | 4.880 mAh Carga rápida de 120 W por cable Carga sen fíos de 50 W Carga reversíbel de 10 W |
Sistema operativo | HyperOS + Android | HyperOS + Android |
Conectividade | WiFi 7 5G Bluetooth 5.4 NFC | WiFi 7 5G Bluetooth 5.4 NFC |
Outros | Sensor de pegadas dixitais en pantalla IP68 Dobre altofalante estéreo | Sensor de pegadas dixitais en pantalla IP68 Dobre altofalante estéreo |
Prezo | Desde… | Desde… |
Como pode extraerse da táboa anterior, aínda que son moitas as similitudes tamén son moitas as diferenzas. O modelo Xiaomi 14 Pro mellora substancialmente en tamaño e calidade da pantalla, así como tamén na calidade do sensor principal dá cámara traseira.

Porén, o factor diferencial destes novos smartphones tanto coa competencia como cos modelos anteriores da serie témola no software, onde incorpora HyperOS, o sistema operativo propio de Xiaomi co que quere poñer orde a todo o seu ecosistema de dispositivos anteriores. Con todo, non parece que vaia ser unha ruptura radical, senón que recorda aos fork de Android que outrora foron tan populares, mantendo a compatibilidade coas aplicacións Android e os servizos de Google. En canto á estetica, mantén a identidade visual de MIUI, malia incorporar novidades.
As principais novidades teñen que ver coa aplicación de solucións baseadas en Intelixencia Artificial (IA), que se integran en diversas aplicacións. Algúns dos casos de uso destas ferramentas software baseadas en IA son os seguintes:
- Subtítulos de IA para transcribir en tempo real o contido durante as videoconferencias.
- Busca de Álbumes, que emprega o procesamento de linguaxe natural, permitindo localizar imaxes específicas dentro das coleccións de imaxe.
- Retratos de IA, empregados para crear novas composcións.
- AI Expansion, para facilitar extensións realistas do contido de imaxes existentes.
- Intelixencia Proactiva, que permite comprender as necesidades das usuarias e actuar en consecuencia
Varias destas novidades teñen que ver coa Intelixencia Artificial (IA), con funcións de IA xerativa para a creación de imaxes e edición fotográfica, e outras que deberían ser analizadas en profundidade coa proba do dispositivo a fondo.

Seguindo a estela do Xiaomi 13 Ultra, o Xiaomi 14 Ultra tamén se diferenza do modelo base no sensor principal da cámara principal. Neste caso atopamos unha apertura variábel desde f/1.4 a f/4.0, ampliando o rango da versión anterior, que ía de f/1.9 a f/4.0.
Dispoñibilidade e prezo
Logo do seu anuncio global, os Xiaomi 14 e Xiaomi 14 Pro chegan ao noso país, onde estarán dispoñíbeis en diferentes configuracións de memoria, e unha estratexia que combina o mercado libre coa venta a través das operadoras.
Así, o Xiaomi 14 ten un prezo oficial de 999,99 € na versión de 12 + 256 GB de memoria, e de 1099,99 € para a de 12 + 512 Gb de capacidade de almacenaxe. Pola súa banda, o Xiaomi 14 Ultra chegará nunha única configuración de 16 + 512 GB por 1499 €.
En calquera caso, Xiaomi anunciou dúas promocións de precompra, que están dispoñíbeis desde hoxe até o 18 de marzo. Así, todas as persoas que merquen un Xiaomi 14 recibirán de regalo a tablet Xiaomi Pad 6, e os que se fagan co Xiaomi 14 Ultra un kit fotográfico profesional dedicado ao teléfono.