Honor continúa a súa andaina afastada de Huawei, o que lle permite seguir coa comercialización dos seus dispositivos fóra dos países asiáticos. E hoxe celebrou en Barcelona o evento global de presentación do Honor Magic6 Pro, un dispositivo moi interesante que xa ten aberta a prevenda.
O novo dispositivo aposta por características de primeiro nivel, integrando no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 con Adreno 750, acompañado -segundo versións- de 12 ou 16 GB de RAM e 256 GB, 512 GB ou 1 TB de capacidade de almacenaxe interna. A súa pantalla é un panel LTPO OLED de 6,8 polgadas, con resolución 2800 x 1280 píxeles, e unha taxa de refresco variábel entre 1 e 120 Hz.

No apartado fotográfico destaca o salto desde o modelo base -o Honor Magic6- cunha cámara principal formada por un sensor de 50 MP con f/1.4-2.0 e estabilizador óptico (OIS), un lente gran angular de 50 MP con f/2.0 e un telefoto de 180 MP con f/2.5, estabilizador óptico e zoom 2.5x. A cámara frontal é de 50 MP con f/2.0, e tamén inclúe un sensor de profundidade 3D.
Durante a presentación presumiron das capacidades fotográficas para o deporte e outras actividades de rápido movemento, conseguindo resultados nítidos nestes supostos que non sempre resultan doados para as cámaras móbiles. Ademais, respecto á cámara dianteira, servirá para controlar o móbil coa miranda, avanzando nas capacidades da IA neste tipo de dispositivos.

En canto á autonomía, Honor introduciu un compoñente de 5.600 mAh, con carga rápida de 100W e carga sen fíos de 66W, o que permite ter o dispositivo cargado ao 100% en apenas 40 minutos. Tamén admite carga inversa para compartir enerxía con wearables ou outros smartphones de maneira puntual.
Como sistema operativo emprega Android 14, coa personalización MagicOS 8, e destacando as funcionalidades baseadas en Intelixencia Artificial, como Magic Capsule e Magic Portal. O primeiro dá acceso a información adicional cun simple toque, ofrecendo información adicional e opcións relacionadas, para dar acceso instanteno a máis recursos. Pola súa banda, Magic Portal emprega a IA para comprender as mensaxes e o comportamento, simplificando varias tarefas nun só paso.

Por último, a súa conectividade vén dada polo 5G, WiFi 7, NFC e Bluetooth 5.3, con soporte para LDAC e aptX HD. Ademais ten o sensor de pegadas dixitais baixo a pantalla, altofalantes estéreo e recoñecemento facial 3D.
Prezo e dispoñibilidade do Honor Magic6 Pro
Tras o anuncio no evento, Honor vén de abrir unha oferta lanzamento, desde hoxe ao 10 de marzo, que permite adquirir o dispositivo a un prezo máis vantaxoso ca o seu prezo habitual, de 1.299 €.
Así, a oferta principal ofrece un cupón desconto de 300 €, que deixa o teléfono en 999 €, e inclúe ademais 6 meses de protección de pantalla. Tamén dispón de dúas ofertas como paquete:
- Por 1167 € pódese adquirir o teléfono xunto cunha tablet Honor Pad X9 + funda smartphone + cargador.
- Por 1099,8 € pódese adquriir o móbil + Honor Watch 4 + funda smartphone + cargador.
Estas ofertas están dispoñíbeis a través da web de Honor.