Nubia Flip, o primeiro smartphone encartábel da segunda marca de ZTE

Nubia, a segunda marca de ZTE, contou neste Mobile World Congress cun espazo destacado no stand da marca, onde deixou ver varios dos seus últimos terminais, entre eles o Nubia Flip, anunciado durante a feira.

Trátase do primeiro teléfono encartábel da compañía, un dispositivo que se posiciona na gama media – alta do fabricante, e que aspira a captar unha parte do público que gosta deste tipo de modelos, pero que ao tempo non está disposta a pagar por eles o que cobran outras marcas que teñen dispositivos tipo cuncha máis refinados.

Dispón de dúas pantallas, unha interna e outra externa circular para notificacións. A interna é un panel de 6,9 polgadas AMOLED con taxa de refresco de 120 Hz. Do apartado fotográfico, temos unha cámara principal formada por dous sensores (50 MP e unha cámara secundaria para efecto retrato), e unha cámara frontal de 16 MP. A súa batería é de 4310 mAh, e é compatíbel co sistema de carga rápida de 33 W.

Dispoñibilidade e prezo

Malia que xa aparece na web do fabricante, aínda non está dispoñíbel no noso país, onde está previsto que se poña á venda durante este primeiro trimestre. Tampouco está pechado o prezo co que se comercializará, pero en Estados Unidos custará 599 dólares, polo que non sería de extranar que aquí custase 599 €

Sobre o autor

No Responses

Reply