O Energizer P28K, con 28000 mAh de batería, é oficial

Necistas un móbil con batería infinita? Energizer ten a solución. Tal e como adiantamos a semana pasada, o fabricante coñecido polas súas solucións de baterías e pilas anunciou no Mobile World Congress un novo smartphone: o Energizer P28K.

Trátase dun teléfono que pertence á categoría de dispositivos robustecidos, protexido contras as caídas pero tamén á auga e pó segundo o estándar IP68. A súa folla de características é a do dun dispositivo de gama media, na que destaca a súa inmensa batería de 28.000 mAh de capacidade, isto é, cinco veces a capacidade dun smartphone estándar. Iso tradúcese, evidentemente, nunha gran autonomía, pero tamén en que sexa un trebello excesivamente groso e pesado, superando o medio quilo.

Por iso non está pensado para ser un supervendas, senón que o enfoque está en persoas que necesitan ese plus de autonomía, como poden ser as persoas que fan montañismo ou camiñatas de varios días, así como tamén aquelas que poden sacarlle proveito por traballo.

Ten por pantalla un panel IPS de 6,78 polgadas con resolución FullHD (1080 x 2640 píxeles), e no seu interior alberga o procesador MT6789 de MediaTek, xunto con 8 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 256 GB. En canto á conectividade, dispón de servizo de dobre SIM (4G), e no apartado fotográfico temos unha cámara principal formada por tres sensores: o principal é de 60 MP, ao que se engade un gran angular de 20 MP e un terceiro sensor macro de 2 MP.

Dispoñibilidade e prezo

Malia que foi presentado neste MWC, aínda hai que esperar para poder facernos co Energizer P28K, pois non sairá á venda até finais de ano. O que si confirmou o fabricante é o seu prezo, que en Europa será de 249 €.

Sobre o autor

Reply