Xiaomi amosa o seu coche eléctrico no MWC

Baixo o lema “Human x Car x Home“, Xiaomi anunciou esta mañá o seu novo ecosistema que fusiona dispositivos persoais, produtos para o fogar intelixente e automóbiles. E con esta desculpa, o fabricante chinés amosou no seu stand do Mobile World Congress o seu primeiro vehículo eléctrico, o Xiaomi SU7, como mostra da visión que ten a compañía para as necesidades que están por vir.

Este primeiro vehículo eléctrico de Xiaomi defínese como “unha berlina ecolóxica de altas prestacións e tamaño completo“, e máis aló do seu rendemento integra tamén solucións de conectividade e espazo móbil intelixente. Ademais do deseño, Xiaomi tamén desenvolveu cinco tecnoloxías principais vencelladas á mobilidade eléctrica: motor eléctrico, batería integrada CTB, fundición a presión, condución autónoma piloto e cabina intelixente.

O investimento para desenvolver este primeiro vehículo de Xiaomi é de algo máis de 1280 millóns de euros en I+D, xunto cun equipo global de máis de 3.400 enxeñeiras e enxeñeiros e 1000 persoas pertencentes ás áreas chave.

Polo de agora a compañía non confirma a dispoñibilidade deste novo vehículo eléctrico no mercado internacional, onde compite especialmente coa proposta de Tesla.

Sobre o autor

No Responses

Reply