Tal e como anunciara, OnePlus oficializou a súa volta ao mercado do smartwatches no Mobile World Congress coa presentación do OnePlus Watch 2, o seu novo reloxo intelixente. Un modelo e gama alta que conta coa última versión de WearOS, o sistema operativo de Google para este tipo de dispositivos.
O novo reloxo de OnePlus destaca polo seu deseño refinado e materiais premium, así como por contar con procesadores duais de alta gama. O primeiro deles é un Snapdragon W5 de Qualcomm, que se activa para tarefas potentes, como executar aplicacións de Google, mentres que o segundo é un MCU BES 2700, encargado de manexar actividades en segundo plano e realizar tarefas simples. Esta solución permite ofrecer un rendemento rápido e fluído, e inflúe directamente na autonomía.
Unha autonomía da que tamén presume OnePlus, que asegura que é quen de achegar ás usuarias 100 horas de uso en modo Smart completo, ou 48 horas en modo intensivo, cunha batería de 500 mAh. ten ademais carga VOOC de 7.5 W, co que podemos ter o reloxo completamente cargado en 60 minutos.
No interior do dispositivo atopamos 2 GB de memoria RAM e 32 GB de ROM, así como múltiples sensores para o seguimento da actividade física. A combinación de hardware e software permite facer seguimento mediante a apliación propia (OHealth) ou Helth Connect e Android de máis de 100 deportes, incluídos bádminton, carreira, tenis, ou esquí, entre outros.
Grazas ao uso de WearOS, o reloxo tamén ten acceso ás aplicacións de Google como Maps, Assistant, Wallet e Calendar, facilitando o seguimento das indicacións para chegar aos sitios, ou podendo levar as tarxetas de embarque ou de pago no pulso, sen necesidade de ter que sacar o teléfono do peto.
A súa durabilidade vén acreditada polo uso dun cristal de zafiro 2.5D, máis resistente ás rabuñadas por pequenos golpes, así como tamén pola protección pola construción a base de aceiro inoxidábel para unha maior resistencia ao óxido e á corrosión. Así mesmo, leva certificación militar MIL-STD-810H (soporta condicións ambientais difíciles) e protección IP68 fronte auga e pó.
Dispoñibilidade e prezo
O novo OnePlus Watch 2 xa está dispoñíbel, e se pode mercar en Europa en negro (Black Steel) e prata (Radiant Steel) a 329 € de maneira inicial.