Como vén sendo habitual nos últimos anos, Google levou ao Mobile World Congress de Barcelona a súa Android Avenue, un amplo espazo exterior de exposición no que a compañía descubre o seu amplo portfolio de dispositivos propios e de outros fabricantes cos que colabora, máis tamén as novidades máis recentes relacionadas cos seus servizos e o sistema operativo Android.
Nesta ocasión, a compañía de Mountain View aproveitou a súa visita á cidade de Barcelona para dar a coñecer algunhas das últimas novidades nas que veñen traballando nas últimas semanas para mellorar a usabilidade dos dispositivos que empregamos a diario, como o teléfono, tablets, reloxos intelixentes con Wear OS e vehículos equipados con Android Auto.

Entre estas novas funcións destacan varias que empregan intelixencia artificial (IA), como unha nova utilidade integrada en Android Auto que permite resumir textos longos ou grupos de chat con moitas mensaxes de forma automáticas mentres se conduce. Así podemos responder mediante voz, ou deixarnos suxerir por respostas creadas pola IA para envialas cun só toque, ou compartir a hora de chegada e/ou iniciar unha chamada telefónica.
A ferramenta ofimática Google Docs permite agora facer anotacións manuscritas nos documentos desde o teléfono ou tablet Android, empregando o dedo ou un lapis óptico. Ademais, dá opción de elixir diferentes cores e marcadores, para facilitar e axilizar o proceso de revisión de documentos.

Para as usuarias de Spotify, a actualización dos controis de emisión que xa estaban dispoñíbeis para YouTube Music -e que permite cambiar facilmente de dispositivo (por exemplo do altofalante do teléfono a uns auriculares ou altofalantes intelixentes)- chegan agora a esta aplicación de streaming, amosando no selector os dispositivos vencellados a través de Spotify Connect.

Outra das novidades ten que ver co seguemento dos datos de saúde, benestar e estado físico, que agora pódese ver dunha maneira máis completa desde a aplicación Fitbit a través de Health Connect, cos datos agregados dos wearables e apps como AllTrails, Oura Ring ou MyFitnessPal. Tan só será necesario sincronizar estas contas para ver toda a información procedente das diferentes apps compatíbeis nun único sitio.
En canto aos reloxos intelixentes, a compatibilidade de Google Wallet cos reloxos con WearOS permite ampliar as opcións para amosar nos dispositivos de pulso tarxetas de embarque, entradas de espectáculo ou tarxetas de fidelidade, que se suman ás tarxetas de pago que xa estaban dispoñíbeis. Así mesmo, tamén se incrementan as posibilidades de uso do transporte público, agregando non só as indicacións para chegar ao sitios no reloxo, senón tamén permitindo a consulta dos horarios de saída directamente desde o noso smartwatch.

Por último, pensando nas persoas con problemas de visión, a ferramenta Lookout para Android é quen de crear descricións das imaxes con textos autoxerados por IA, ofrecendo así información sobre o contido de fotografías, imaxes que aparecen cando se navega por Internet ou as incluídas en en mensaxes. E Lens en Maps actualízase para que resulte máis sinxelo explorar os arredores e identificar lugares como caixeiros automáticos, restaurantes ou estacións de transporte público: basta con apuntar arredor coa cámara do teléfono, e TallBack lerá en voz alta información de interese, como o horario de apertura dun establecemento, as súas valoracións ou as indicacións para chegar a el.