O AI Pine de Humane deixouse ver no MWC

Con demasiada frecuencia lemos previsións que falan dun futuro sen smartphones: desde implantes na pel a lentes que proxectan a información diante de nós, pasando por solucións intermedias como o AI Pine de Humane. A súa demostración era das que máis xente tiña no stand de Qualcomm, unhas probas nas que se podían ver algunhas das súas funcións, certamente algo embrionarias para estar a falar dun trebello que xa se comercializa nos Estados Unidos.

O AI Pine é un broche de solapa, que está deseñado para prendelo na roupa. Conta cunha cámara que apunta á fronte e un micrófono para escoitarnos e atender aos comandos, que se introducen mediante voz. As respostas que pretende dar fainas baseándose na implementación de solucións por Intelixencia Artificial (IA)

Polo que puidemos ver nas probas, esta tecnoloxía está aínda moi verde. O primeiro pola tardanza nas respostas (o tempo entre que se daba a orde e resolvía semellaba unha eternidade, acostumadas ás inmediatez que nos ofrecen os móbiles). Ademais, as probas que vimos, limitáronse a respostas en texto proxectadas sobre a man.

Mais, por outra banda, tamén xera demasiadas preguntas para que plantexar este equipo como un substituto do smartphone poida sequera chegar a ser considerado: imos querer introducir todas as consultas por voz? Podemos facelo sempre? Onde queda a privacidade? Estarán cómodas as persoas coas que estamos a falar se temos un dispositivo que as está apuntando en todo momento?

Dispoñibilidade e prezo

O AI Pine xa está á venda nos Estados Unidos desde hai varios meses, onde se pode mercar por 700 dólares, ao que hai que sumar unha subscrición de 24 dólares ao mes pola súa conectividade.

Aseguran estar traballando para que poida comercializarse en Europa “axiña”, mais consideramos que aínda falta moito por madurar nese dispositivo para que poida ser un produto polo que realmente pague a pena gastar os cartos.

Sobre o autor

Reply