Percorridos en bici máis longos coas novas baterías de Bosch eBike Systems

O mercado das bicicletas eléctricas é cada vez máis relevante pola súa versatilidade, conseguindo enganchar a un número crecente de usuarias. Se ben o prezo é unha limitación para algunhas persoas para dar o paso, nos últimos tempos saíron algunhas axudas que permitiron ás persoas que as conseguiron reducir o gasto para facerse cunha.

Co obxectivo de desfrutar de percorridos máis longos -ou axudar a organizar o día a día nos modelos eCargo, habituais en cidades- Bosh eBike Systems vén de anunciar a nova PowerPack 800 Frame e novas opcións de combinación DualBattery. Así mesmo, tamén actualizou a guía de baterías para ampliar a información sobre o manexo correcto e seguro de baterías recargábeis, ademais da súa reciclaxe.

PowerPack 800

A PowerPack 800 Frame ofrece un contido enerxético de 800 Wh. Grazas á súa combinación de alta densidade enerxética, rendemento e flexibilidade, resulta especialmente interesante para percorridos longos, mais tamén para as eBikes pesadas (como as eCargo) ou as rápidas (S-Pedelecs).

Pesa 3,9 quilogramos e ten as mesmas dimensións ca PowerPack 725. Ademais, emprega o mesmo soporte que o resto de baterías de cadro de Bosh no Smart System e, polo tanto, ofrece máxima flexibilidade á hora de cambiar a batería. Isto significa que as ciclistas poden elixir entre unha batería máis pequena e lixeira para percorridos curtos ou levar unha batería de reposto con eles para maior autonomía.

DualBattery no Smart System

Co fin de incrementar a autonomía para cargas pesadas, desprazamentos longos ou percorridos extensos, Bosh eBike System tamén ofrece novas opcións de combinación DualBattery. Así, por exemplo, un PowerTube pode combinarse con outro PowerTube, de maneira que -por exemplo- a nova PowerPack 800 Frame pode empregarse como DualBattery, dando como resultado unha capacidade de batería de 1600 Wh, que ofrece autonomías extremas de até 300 quilómetros.

Guía actualizada de baterías

Por último, Bosch eBike System tamén presentou unha versión revisada da guía de baterías, que contén información completa e organizada sobre todas as baterías de eBike. Así, achega información sobre os fundamentos técnicos e a funcionalidade, e ofrece aos ciclistas consellos útiles sobre o servizo en inverno, ademais de almacenaxe e coidado dos contactos para alongar a vida útil da batería.

Máis info | Bosch eBike System

Sobre o autor

Reply