nubia trouxo novidades ao Mobile World Congress, entre eles o primeiro dispositivo encartábel da compañía, o nubia Flip, do que vos falamos hai uns días. Pero é que ademais, a feira celebrada en Barcelona serviu para amosar ao grande as capacidades dun dos seus dispositivos máis diferenciais, o RedMagic 9 Pro, orientados ao mercado gaming.
Presentados en novembro do 2023, os RedMagic 9 Pro e Pro+ están equipados cunha pantalla AMOLED de 6,8 polgadas (1116 x 2480 píxeles), brillo de 1600 nits e taxa de refresco de 120 Hz. Levan no interior o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 con até 24 GB de RAM e 1 TB de capacidade na súa versión máis extrema (Pro+), aínda que tamén hai versións inferiores.
Como bos dispositivos orientados ao gaming, entre as súas peculiaridades está o sistema de refrixerado ICE 12, que é capaz de rebaixar até 18 graos a temperatura do dispositivo, conseguindo un maior rendemento para unha experiencia de xogo máis fluída.

A área de exposición de nubia no MWC ofrecía unha importante visual sobre as capacidades gaming do móbil, máis aló de empregalo directamente na man. Entre as demostracións, podíase probar nunha experiencia ao completo, conectado a unha pantalla, con rato e teclado.

Do mesmo modo, tamén trouxeron diversos accesorios que completan a experiencia do smartphone, como o RedMagic Cooler 4 Pro Magnetic, un ventilador-enfriador capaz de rebaixar 9 graos a temperatura do smartphone, ou o RedMagic Shadow Blade 2, no que se acompla o teléfono para ter unha experiencia completa con mandos controis.

Ademais destes accesorios, nubia conta cunha web na que se poden mercar outros dispositivos, como teclados gaming, ratos e mesmo pantallas propias. Pódese consultar neste enlace.
