Nubia Pad 3D II: a primeira tablet 3D 5G+AI sen lentes

O Mobile World Congress acolleu a presentación dunha nova tablet de ZTE baixo a súa segunda marca, nubia. Trátase da nubia Pad 3D II, a segunda xeración dunha tablet que permite realizar chamadas, transmitir e xogar en 3D de forma totalmente inmersiva e sen necesidade de empregar lentes.

A actualización deste modelo trae importantes novidades, especialmente na mellora da experiencia 3D, conseguindo aumentar nun 80% a resolución 3D e nun 100% o brillo 3D, cunha optimización integral da diafonía e a cor 3D, así como tamén na eficiencia enerxética.

Así mesmo, tamén realizou avances significativos nos algoritmos de Intelixencia Artificial (IA), e adoptou a tecnoloxía Neovision 3D Anytime, que convirte en tempo real o contido 2D a 3D, ofrecendo ás usuarias un contido visual realista, baseado en algoritmos avanzados de aprendizaxe de redes de IA. Funciona cun simple clic, que convirte de xeito isntantáneo imaxes, xogos, vídeos ou contidos multimedia en streaming en imaxes 3D sen lentes.

Especificacións técnicas da nubia Pad 3D II

En canto ás características técnicas, a nubia Pad 3D II está equipada cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, e combinacións de 12 + 256 GB ou 16 + 512 GB, ademais dunha batería de 10.000 mAh, con carga rápida de 66 W.

A súa pantalla é un panel de 12,1 polgadas con resolución 2.5K (2560 x 1600) e taxa de refresco de 144 Hz. Complétase cun sistema de altofalantes cuádruples simétricos para realizar efectos de son 3D inmersivos DTS:X Ultra, xunto con redución de ruído do micrófono dual e altofalantes de frecuencia completa de 1W.

Destaca tamén a súa conectividade 5G, unha característica que se ben non é a máis demandada no noso país, si que existe unha parte do público que a demanda.

Casos de uso dunha tablet 3D

Máis aló do sorprendente de volver falar de tablets 3D, unha tecnoloxía que tivo un momento de auxe hai uns anos, cando se comercializaron varios modelos de televisores e algún teléfono con esta característica, o certo é que existen entornos nos que a súa aplicación pode ser interesante.

Un deles é o entorno educativo, onde se poden amosar contidos didácticos abstractos e complexos mediante modelos visuais en 3D, permitindo unha experiencia interactiva inmersiva; ou o da saúde, mediante software de procesamento de imaxes médicas en 3D. Tamén en ámbitos como a cultura ou o turismo, onde un dispositivo destas características contribúe a crear unha experiencia mellorada e realista nas visitas a museos, aumentando o potencial educativo.

Sobre o autor

Reply