A investigadora da USC Déborah González crea unha ferramenta dixital para dar a coñecer as conexións entre autores da lírica galego-portuguesa

A doutoroa Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago de Compostela -grupo de referencia internacional para os estudos vencellados co patrimonio literario e cultural da Idade Media-, dirixiu a creación dun portal web centrado nas redes socioculturais da lírica galego-portuguesa, dispoñíbel en https://redesliricas.usc.gal/.

Nesta web, as usuarias poden acceder á información literaria, histórica e biográfica sobre os trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar de maneira gráfica as conexións entre eles. Isto permite amosar as relacións socioculturais e literarias que se establecían na época, o que contribúe a ampliar o coñecemento sobre os autores e as circunstancias de creación e recepción das súas cantigas.

A creación do portal vén derivado dun proxecto concedido pola Xunta de Galiza adicado ás tenzóns e os seus autores. A tenzón é un tipo de cantiga dialogada entre dous autores, cancións que servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que as que se conservan adoitan ser diálogos xocosos e debates con finalidade lúdica, se ben tamén se atoparon algúns exemplos de asuntos amorosos.

O aspecto máis novidoso desta iniciativa é que as redes están representadas graficamente. Deste modo, as usuarias poden navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información máis concreta. Neste sentido, pode consultarse a rede social dun autor e ter acceso aberto a datos completos de tipo histórico, biográfico e literario.

A maior parte ten unha orixe galega ou portuguesa, aínda que tamén participaron autores casteláns e, máis ocasionalmente, doutras procedencias. Unha radiografía sobre os seus contactos e os intercambios literarios que estableceron é fundamental para pór en valor este patrimonio.

Tecnoloxía para coñecer a historia literaria

A web aproveita o pulo tecnolóxico que nas últimas décadas transformou o xeito en que a sociedade percibe os textos, así como os procedementos e hábitos na procura de información e análise por parte das investigadoras en Humanidades.

Déborah González apunta que co uso desta ferramenta búscase unha divulgación máis aberta, amigábel e accesíbel, tanto para as persoas especialistas en lírica medieval como as que están en formación ou o público xeral con interese na materia.

Sobre o autor

Reply