Orange lanza Ciber Protección, o seu sistema de ciberseguridade e control parental

Mentre se concreta a fusión dos Grupos Orange e MásMóvil, ambas compañías non deixan de seguir avanzando nas súas propostas comerciais e no lanzamento de novos servizos. Precisamente Orange vén de anunciar o lanzamento de Ciber Protección, unha nova ferramenta destinada a garantir a seguridade dos datos persoais, a protexer as compras online e a ter un control da actividade das pequenas da casa na Internet.

As persoas que opten por este servizo engadirán unha protección adicional para unha navegación máis segura desde os diferentes dispositivos, bloequeando webs maliciosas e intentos de fraude como phising, malware ou ramsomware, tres das principais ameazas que nos atopamos na navegación pola rede.

Ademais, esta protección exténdese tanto ás redes WiFi como as ás conexións móbiles, e a todos os dispositivos que se empreguen. En canto á Protección parental incluída no servizo, esta facilita o fitlrado de webs e contidos non apropiados, ao tempo que permite establecer horarios de uso, bloqueo de aplicacións e mesmo desactivar a conexión a Internet.

O novo servizo de Ciber Protección de Orange está dispoñíbel desde hoxe en todas as tarifas Love con 2 ou máis liñas. No caso de ter contratado tarifas Love e Go cunha soa liña, o prezo é de 3 €/mes, co primeiro mes de balde como proba.

Funcionalidades para empresas

O segmento de empresas tamén pode desfrutar do servizo de Ciber Protección, de maneira que o persoal pode navegar de forma segura. Porén, para este sector o servizo tamén engade unha web que permite establecer -de forma sinxela e intuitiva- regras de acceso, límites de horarios e supervisión dos contidos que consumen os empregados.

Sobre o autor

Reply