Windows 11 pon fin á compatibilidade das apps Android

Desde o ano 2022 Windows viña permitindo instalar nos equipos que empregan este sistema operativo a tenda de aplicacións de Amazon. Deste xeito, as usuaria podían acceder a un completo catálogo de aplicacións e xogos Android compatíbeis con Windows 11.

Falamos en pasado porque nun novo documento de soporte publicado por Microsoft anúnciase a fin de Windows Subsystem for Android (WSA). Será dentro dun ano, a partir do 5 de marzo de 2025, de maneira que desde esa data a tenda de aplicacións de Amazon como as apps e xogos dependentes de WSA xa non terán soporte.

Aquelas persoas que na actualidade teñan aplicacións ou xogos instalados poderán seguir a empregalos de maneira indefinida (mesmo despois da data anuncia). Porén, desde o anuncio -realizado onte- as usuarias de Windows 11 xa non son capaces de instalar a tenda de aplicacións de Amazon, nin tampouco novas apps ou xogos desde a tenda de Microsoft.

En The Verge apuntan a que a experiencia na tenda de apps de Amazon dista moito da que ofrece a Play Store de Google, o que podería levar a que nun futuro non moi afastado vísemos algún acordo directamente entre Google e Microsoft. Ambas empresas coinciden en sumar esforzos e traballar xuntas para que os ecosistemas Andoid e Windows traballen ben, fronte á alternativa de Apple.

Sobre o autor

Reply