Microsoft ten programado un evento para o próximo 21 de marzo, centrado nas capacidades de intelixencia artificial de Copilot AI e tamén de Bing GPT (agora coñecido como (Copilot con Bing). Ademais, nesa mesma xornada está previsto que se dea a coñecer unha nova remesa de dispositivos Surface.
Malia que nun primeiro momento aventurouse que estes dispositivos poderían chegar con Windows 12, o certo é que semella que non haberá tal Windows polo de agora, senón que Microsoft está a preparar unha actualización de Windows 11 con novidades para vitaminala, baseadas nas capacidades da intelixencia artificial. Así mesmo, esta actualización tamén podería ser a que traia o novo sistema de actualización que non precisa reinicios.
Novos dispositivos Surface
Diversas informacións apuntan a que veremos a Surface Pro 10 e a Surface Laptop 6 nese evento, dous modelos que chegarían co novo procesador Intel Core Ultra e co Qualcomm Snapdragon X Elite, así como a nova xeración de NPUs para mellorar as capacidades de IA.
A Surface Pro sería moi semellante no deseño á Surface Pro 9, mais engadindo unha nova pantalla OLED antirreflexos con máis brillo e soporte para HDR. Tamén disporá dunha nova cámara frontal con efectos de IA e lector de NFC
Por outro lado, a Surface Laptop 6 mudará en deseño, con marcos máis estreitos e esquinas redondeadas. Incluirá un novo touchpad háptico e unha tecla adicada de Copilot, demais dunha actualización dos portos (dous USC-C e un USB-A no lado esquerdo, e o cargador magnético de Surface na dereita).
Ambos os dous produtos, Surface Pro e Surface Laptop 6 chegarían cunha batería con capacidade suficiente para traballar durante todo o día.
Evento Microsoft o 21 de marzo
Todo o demáis é, polo de agora, unha incógnita. Teremos que agardar ao evento programado para o 21 de marzo ás 18.00 horas, hora galega, para descubrir as novidades.
O evento será retransmitido a través da web de Microsoft, así como tamén polas súas redes sociais e pola canle de YouTube de Microsoft.