Starlink proba con éxito a conexión satélite 4G directa cun Samsung Galaxy S21

Rematar coas zonas de sombra de cobertura móbil é o principal obxectivo de Starlink Direct to Cell, un proxecto da compañía SpaceX, do magnate Elon Musk. Trátase de ofrecer conexión de rede móbil desde o satélite aos smartphones convencionais, de maneira que se elimina a necesidade de contar cun dispositivo especial para realizar transmisións por satélite.

Para estas primeiras probas, SpaceX está a empregar unha rede de seis satélites, cos que conseguiron unha velocidade de descarga de 17 Mbps empregando un Samsung Galaxy S21, de 2021. Ademais, tamén fixeron outros tests usando modelos de Apple (iPhone) e Google (Pixel), todos eles sen modificar.

Starlink repetiu as probas con éxito en tres emprazamentos dos Estados Unidos (Redmond, Washington; Mountain View, California; e Kansas City, Kansas), empregando o bloque de frecuencias PCS G de T-Mobile (equivalente á banda 25 do espectro LTE). Así mesmo, puideron comprobar é que tamén funciona en interiores, aínda que non facilitaron datos.

Como a FCC, o ente regular dos Estados Unidos, limita o fluxo de enerxía que pode emitir un transmisor sobre un área, Space X realizou os seus estudos axustando ao máximo para acadar eses 17 Mbps, que supoñen a velocidade máxima alcanzábel coa tecnoloxía actual..

Servizo comercial

Como xa tiña adiantado Starlink, a compañía prevé ofrecer este servizo de maneira comercial en dúas fases. A finais deste ano funcionará para chamadas e mensaxería (SMS), e no 2025 abrirá a conexión aos datos.

Descoñécese o prezo que terá o servizo, que previsibelmente ofrecerase como un extra con custe aos plans de cobertura de outras operadoras. De feito, Starlink xa chegou a acordos con oito compañías en diferentes países: T-Mobile nos Estados Unidos; Optus en Australia; Rogers en Canadá; One NZ en Nova Zelanda; KDD en Xapón; Salt en Suíza; Entel en Chile e Entel en Perú.

No noso país só Vodafone ten confirmado avances neste tipo de servizos, algo que a operadora vermella faría cunha rede de satélites propia. Haberá que seguir de preto este proxecto, e tamén como afecta a compra de Vodafone por parte de Zegona para os avances do mesmo.

Sobre o autor

No Responses

Reply