Coa serie Samsung Galaxy S24 competindo no mercado da gama alta desde hai varias semanas, Samsung vén de anunciar a chega dos novos modelos da serie Galaxy A, a súa referencia no segmento da gama media. Chamados a converterse en supervendas, os dous dispositivos presentados -Galaxy A55 5G e Galaxy A35 5G- veñen con moitas características comúns, pero tamén diferenzas para adaptarse a diferentes perfís de usuario.
Ambos os dous modelos chegan cunha pantalla de 6,6 polgadas, un panel SuperAMOLED con resolución FHD+, taxa de refresco de 120 Hz e Vision Booster. Porén, o seu brillo máximo é de 1000 nits no Galaxy A55 5G, e de 550 nits no A35 5G.
No seu interior tamén atopamos diferenzas, xa que o Galaxy A55 5G vén co procesador Samsung Exynos 1480 e 8 GB de RAM, mentres que o Galaxy A35 5G incorpora o Samsung Exynos 1380. O que si, ambos os dous ofrecen dúas capacidades de almacenaxe, 128 e 256 GB, e unha batería de 5.000 mAh con carga de 25 W.
No aspecto fotográfico atopamos pequenas diferenzas entre ambos modelos, a comezar pola cámara frontal, de 32 MP con f/2.2 no Galaxy A55 5G, e de 13 MP con f/2.2 no Galaxy A35 5G. Na traseira, conciden en apostar por un sistema de triple cámara, cun sensor principal de 50 MP con f/1.8 e estabilizador óptico OIS, acompañado dun segundo sensor macro de 5 MP con f/2.4 e un terceiro gran angular. Este gran angular é un modelo de 12 MP no A55, e de 8 MP no A35, en ambos casos con f/2.2.
Estas diferenzas levan a que o Galaxy A55 5G poida facer fotos máis claras e vibrantes mesmo en condicións de pouca luz, grazas a un sistema de Procesado de Sinal de Imaxe (ISP) con IA, que consegue resultados máis satisfactorios, tanto en paisaxes coma en retratos nocturnos ou vídeos HDR de 12 bits.
En canto ao software, ambos os dous veñen con Android 14, e capa de personalización de Samsung, One UI. Garante o fabricante catro actualizacións do sistema operativo Android, e cinco anos de actualizacións se seguridade, optimizando o ciclo de vida dos dispositivos. Ademais, ambos os dous inclúen o sistema de seguridade Samsung Knox, unha plataforma que permite salvagardar información crítica e protexela fronte vulnerabilidades.
Dispoñibilidade e prezo
Samsung pon á venda estes dous modelos cunha oferta de lanzamento semellante á que lanzou co S24, e que permite levar a versión co dobre de capacidade polo mesmo prezo. Ademais, entregando un dispositivo antigo, pódense obter 50 € de desconto adicionais, que se suman á valoración do dispositivo entregado. Esta oferta esá dispoñíbel até o 7 de abril.
En canto aos prezos, o Galaxy A55 5G con 8 + 128 GB custará 479 €, e o Galaxy A34 5G con 6 + 128 GB 379 €. Até o 7 de abril, ese será o prezo tamén dos modelos con 256 GB.