Vivo está ultimando o lanzamento dos Vivo X Fold3, a nova versión do seu modelo de smartphone encartábel, que destacará polo seu deseño máis fino e lixeiro. Aposta así a compañía por mellorar significativamente o aspecto que máis bota para atrás a moitas usuarias: o grosor que supón ter un teléfono que se encarta sobre si mesmo.
Haberá dúas versións deste novo modelo, unha estándar e outra Pro. Ambas as dúas levarán unha pantalla interna flexíbel Samsung E7 LTPO Flex AMOLED de 8,03 polgadas, resolución 2K e 3000 nits de brillo. A pantalla externa será un panel de 6,54 polgadas que integra lector de pegadas dixitais baixo a mesma.
No interior haberá varias opcións de RAM, partindo dos 12 GB, e a capacidade de almacenaxe interna chegará até os 2 TB na versión máis ambiciosa. Ambos os dous modelos levarán procesadores Qualcomm Snapdragon, o 8 Gen 3 na versión Pro e o 8 Gen 2 na versión estándar. En canto á batería, os dous dispositivos levan unha batería de 5.500 mAh, con carga rápida de 120W con cable, e de 50 W mediante carga sen fíos.
Se falamos de fotografía, Vivo volverá apostar por Leica, cun sensor principal de 50 MP, un ultra gran angular tamén de 50 MP e unha última cámara telefoto periscópica de 64 megapíxeles. Terá ademais un chip vivo V3, de fabricación propia, específico para o procesado de imaxes.
Finalmente, en canto a prezos, calcúlase que a versión estándar partirá dunha base de arredor de 1000 € ao cambio, mentres que o modelo Pro terá un prezo de partida duns 1300 €. Haberá que agardar para ver se ese mesmo rango de prezos mantense para a súa comercialización en Europa, ou se se incrementa.