Anunciados os realme 12 Pro / 12 Pro+, con descontos de até 100 € no lanzamento

Logo do anuncio do realme C67 días antes do Mobile World Congress, realme anunciou esta mañá a chegada ao noso país dunha nova serie composta polos realme 12 Pro+ 5G e o realme 12 Pro 5G, que destacan pola súa cámara periscópica -sendo dos poucos modelos da súa categoría en dispor deste elemento- e polo seu deseño, en colaboración con Ollivier Savéo.

Esta característica ofrece un zoom óptico 3X e 6X equivalente a unha distancia focal de 71 mm, todo grazas ao sensor OV64B de 1/2 polgadas con resolución de 64 megapíxeles. Ofrece cinco niveis de zoom (0.6X, 1X, 2X, 3X e 6X) para unha calidade de imaxe superior ao zoom dixital estándar, así como un SuperZoom 120X. A tecnoloxía SuperOIS para a estabilización, xunto co sensor IMX890 de Sony na cámara principal, promete bos resultados en escenas escuras e retratos no modelo Pro+, mentres que o realme 12 Pro queda cunha cámara principal de 50 MP e sensor Sony IMX882.

No seu interior, o realme 12 Pro+ 5G leva un procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 2 (8 núcleos de 64 bits, frecuencia máxima de 2,4 GHz para os núcleos Cortex-A78 e 1,95 GHz para os Cortex-A55), complementados pola GPU Adreno 710. Pola súa banda, o realme 12 Pro leva un Snapdragon 6 Gen 1 (8 núcleos, frecuencia máxima e 2,2 GHz nos núcleos Cortex-A78 e 1,8 GHz no Cortex-A55).

A pantalla é un panel de 6,7 polgadas e 120 Hz, cunha relación pantalla – corpo do 93% e brillo máximo de 950 nits. Por debaixo integra un sistema de refrixeración 3D VC, encargado de manter o máximo rendemento e a temperatura en niveis óptimos. Para completar a experiencia multimedia, conta con dobre certificación Dolby Atmos e Hi-Res, destacando por un son nítido e envolvente.

O realme 12 Pro+ 5G vén ofrece até 12 GB de RAM (+12 GB dinámicos) e 512 GB de almacenaxe interna, mentres que a versión estándar queda nos 8 GB (+ 8 GB adicionais) e 256 GB de interna. Ambos os dous modelos chegan con 5.000 mAh de capacidade da batería, con carga SUPERVOOC de 67 W.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos os dous modelos póñense á venda no noso país a través das canles habituais, cuns prezos que dependen da capacidade das memorias:

  • realme 12 Pro+ 5G 8 + 256 GB: 499 € (399 € en Amazon mercando entre o 20 e o 25 de marzo)
  • realme 12 Pro+ 5G 12 + 512 GB: 549 € (499 € como promoción de lanzamento)
  • realme 12 Pro 5G 8 + 256 GB: 399 € (299 € en Amazon mercando entre o 20 e o 25 de marzo)
  • realme 12 Pro 5G 12 + 256 GB: 499 € (399 € como promoción de lanzamento).

Como indicamos entre paréntese, todos os modelos disfrutarán de prezos promocionais de lanzamento, que no mellor dos casos supoñen un aforro de 100 €, polo que resultan bastante interesantes.

Sobre o autor

Reply