Xiaomi anuncia o POCO X6 Neo

Xiaomi anunciou na India a chegada dun novo membro da serie X6, o POCO X6 Neo, un dispositivo de gama media que destaca polo seu deseño -sendo o máis fino de toda a serie- e por ofrecer un bo equilibro de prestacións a un prezo realmente contido.

O novo POCO X6 Neo incorpora unha pantalla AMOLED de 6,67 polgadas, con resolución 1080 x 2400 píxeles e taxa de refresco de 120 Hz. Ademais, está protexido por Gorilla Glass 5, e ofrece un pico de brillo máximo de 1.000 nits, para mellorar a visualización do panel en entornos con moita luz.

No seu interior, o fabricante volve apostar por MediaTek, en concreto polo chip Dimensity 6080. Chega con dúas opcións de RAM (8 e 12 GB) e dúas de almacenaxe interna (128 ou 256 GB), capacidade que en ambos casos pode ampliarse con tarxetas microSD de até 1 TB.

Na cámara principal temos un sensor de 108 megapíxeles, con f/1.8, que se complementa cun sensor de profundidade de 2 MP e f/2.4, destinado a ofrecer mellores resultados co efecto retrato. Para a cámara frontal elexiuse un sensor de 16 MP.

A batería, de 5.000 mAh, vén con carga de 33 W, e na conectividade destaca o 5G, o WiFi ac de dobre banda, o jack de audio e o Bluetooth 5.3, ademais de sensor de infravermellos e radio FM. Tamén leva lecto de pegadas dixitais, situado no lateral, e altofalantes estéreo.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora o POCO X6 Neo está dispoñíbel na India, sen que haxa noticias sobre a súa comercialización noutros mercados internacionais.

Pódese adquirir en negro (Astral Black), azul verdoso (Horizon Blue) e laranxa (Martian Orange), por uns 225 € na versión de 8 + 128 GB e por uns 245 € na de 12 + 256 GB.

Sobre o autor

Reply