Filtradas parte das características do Samsung Galaxy Z Flip6

Que Samsung está a preparar a súa nova remesa de dispositivos encartábeis, a serie Galaxy Z de sexta xeración, non é ningunha sorpresa. De feito, algúns datos apuntan a que serán presentados pouco antes de comezar os Xogos Olímpicos, nun Unpacked que se celebraría en París.

O que si que é relevante é a filtración dalgunha das características que terá un dos dous modelos de teléfonos encartábeis, o Galaxy Z Flip6. Trátase da versión de tipo cuncha, que contará cunha pantalla interior de 6,7 polgadas, o mesmo tamaño ca o último modelo da serie.

Mais, onde semella que haberá cambios, é na pantalla externa. Segundo apuntan as filtracións, medrará media polgada, até acadar os 3,9 polgadas, co obxectivo de que poidan levarse a cabo máis accións con ela sen necesidade de abrir o smartphone para interactuar con el. Tamén haberá cambios no sistema de apertura da bisagra, cun sistema que emprega menos compoñentes, para reducir a súa complexidade e, polo tanto, as posibilidades de que se estropee.

En canto ao resto de compoñentes, as informacións desveladas apuntan ao uso do procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 -o mesmo que leva o Galaxy S24 Ultra- e unha memoria RAM que parte dos 12 GB (fronte os 8 GB do modelo anterior). Increméntase tamén a batería, con 4.000 mAh (300 mAh máis) e a capacidade fotográfica, cun sensor principal de 50 MP.

Sobre o autor

Reply