Starlink continúa a deixar titulares neste mes de marzo. Se hai uns días falamos do éxito das probas do seu sistema de cobertura móbil por satélite, hoxe temos que facelo do novo Plan Básico, destinado a quen busca unha conexión vía satélite para a súa vivenda. Trátase dunha nova alternativa máis lenta, pero tamén máis económica, para quen busque aforrar un pouco na factura mensual do servizo.
Até o de agora, Starlink viña ofertando un único plan –Plan Estándar– que por 49 €/mes (40 € do servizo + 9 € do canon que a CNMC impón polo uso do espectro) ofrece velocidades de descarga que oscilan entre os 190 e os 290 Mbps. Agora ben, o novo Plan Básico ten unha velocidade de descarga de entre 50 – 100 Mbps, e un prezo 11 € inferior, de 38 €/mes (29 € do servizo + 9 € do canon da CNMC).
Ambos os dous produtos ofrecen o servizo cunha latencia realmente baixa para servizos satélite, de entre 23 e 55 ms, e tamén datos ilimitados. Porén, debe terse en conta que nas horas pico do servizo, as usuarias do Plan Básico poden ver reducida a velocidade, xa que o servizo gozará de menos prioridade ca o Plan Estándar. Esta cuestión pode cobrar especial relevancia para persoas que empregan a conexión para traballar, ás que segeguramente lles compense a opción Estándar.
Aluguer ou compra do equipo
Starlink ofrece os seus equipos en modalidade de compra ou aluguer. No primeiro caso, existe unha promoción actual pola que se poden adquirir pola metade de prezo, quedando en 225 €. De preferir a opción do alugueiro, será necesario pagar unha conta mensual de 9 €/mes adicional.