Filtrados algúns datos do Pixel 8a

O paso do novo Pixel 8a que prepara Google pola FCC, a Comisión Federal de Comunicacións dos Estados Unidos, vén de revelar algúns dos segredos da súa ficha técnica. Unhas novidades que se suman ás imaxes que tamén foron filtradas, deixando ver o seu deseño.

Todo fai pensar que o pequeno da serie Pixel 8 será anunciado durante o I/O que Google anunciou para o mes de maio. Un teléfono que apunta a ter un prezo superior ao Pixel 7a do ano pasado, a tenor das especificacións técnicas que se veñen coñecendo.

O Pixel 8a estará dotado dunha pantalla de 6,1 polgadas con resolución FHD+, taxa de refresco de 120 Hz, mellorando a do seu predecesor (90 Hz), e un brillo máximo de 1.400 nits para a reprodución de contido HDR e a visualización correcta en exteriores. No seu interior levará o procesador Tensor G3, e a súa cámara principal será de 64 MP, acompañada dun módulo gran angular do que non se teñen máis datos.

Por último, outra novidade que traerá consigo o Pixel 8a que vai máis aló da parte técnica é que ampliará fronteiras, chegando a un total de 31 países. Aos 21 actuais, entre os que se atopa o Estado español, sumaríanse República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia e Rumanía.

Sobre o autor

Reply