Doce equipos de estudantes da Universidade de Vigo competiron entre o 12 e o 14 de marzo creando solucións de innovación social baseadas nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) da ONU, no marco da IX edición do HackForGood de Telefónica.
O equipo BACH-E e o seu modelo de resalto capaz de aproveitar a enerxía dos vehículos por estrada para xerar electricidades converteuse en gañador o hackathon. O segundo e terceiro premio recaeron, respectivamente, en Soil4Good (unha web app para mellorar a sostibilidade e produtividade dos cultivos agrícolas) e Neuro-Bridge (un dispositivo neuronal para a recuperación de persoas con mobilidade).
Os tres equipos foron galardonados cun premio de 1.000, 600 e 400 € respectivamente, e pasarán a disputar a fase nacional, na que competirán xunto os tres mellores proxectos locais, celebrados simultaneamente en 16 cidades de todo o Estado español, nas que participaron un total de 25 universidades.
BACH-E
BACH-E destacou polo novo uso que aporta aos resaltos viais e que plantexa un novo método de desenvolvemento de enerxía sostíbel e até o de agora non aproveitada, que podería ser de gran utilidade en entornos rurais ou con zonas con escasa iluminación.
Conségueo grazas a un sistema mecánico capaz de xerar rotación co peso do vehículo, e trasmitila a un xerador eléctrico para producir enerxía. Segundo as súas estimacións, coa implantación desta solución en 20 badéns das rúas máis transitadas de Vigo poderíase xerar a enerxía suficiente para alimentar durante un ano 170 farolas LED.
Soil4Good
O equipo de Soil4Good presentou unha app web que se pode empregar en dispositivos móbiles e navegadores, con diferentes funcionalidades para grandes e pequenos agriculotres, que lles permitiría consultar e xerar informes da calidade do chan ou consellos para xestionar de forma eficiente o chan e o auga dos cultivos.
Neuro-Bridge
Por último, Neuro-Bridge ofrece un dispositivo neuronal a medida e pensado para ser prescrito por un facultativo e baixo demanda, para a recuperación de persoas con mobilidade reducida.
Catro premios temáticos
Na IX edición de HackForGood de Telefónica na Universidade de Vigo tamén foron outorgados catro premios temáticos -dotados cada un de 500 €- a outros tantos proxectos. O equipo Phykos recibiu o premio á Innovación Enerxética e Ambiental, cunha proposta para reducir a pegada de carbono a través da utilización de granxas de algas para limpar a atmósfera.
O equipo Consechando Bienestar Social levou o premio de Innovación Social, coa creación dun novo concepto de centro social que favorece a reinserción laboral de persoas con escasos recursos e problemas de acceso aos alimentos, a través da creación de hortos sostíbeis e inclusivos.
O premio de Innovación e Responsabilidade Social Empresarial foi para Byte Busters, coa súa proposta para empregar a tenoloxías RFID para mellorar a xestión da despensa dos fogares e reducir o desperdicio de produtos.
Finalmente, Clean Forest recibiu o premio de Transformación Dixital, cunha innovadora solución para revitalizar parcelas forestais abandonadas ou en desuso, xerando os créditos de carbono que as empresas necesitan.
