Movistar ofrece ao fin 5G na súa alternativa á fibra

Movistar está a acelerar o ritmo dos despregamentos de fibra para tratar de ter á meirande parte da súa clientela de servizos de Internet fixo con esta tecnoloxía, ante o inminente apagado das centrais de cobre. Isto está a facer que a compañía experimente con proxectos como o Guadiana, conectando clientes a través da rede de terceiros (algo impensábel hai anos), ou ofrecendo como alternativa un servizo fixo baseado en conexións móbiles.

Este servizo, con nome comercial Internet Radio, víñase ofrecendo até o de agora con tecnoloxía 4G, mais limitado a unha velocidade de descarga de 20 Mbps e de 800 kbps en sentido ascendente. Iso, e o seu prezo, facían que fose un servizo pouco atractivo fronte á competencia, como analizamos nunha recente comparativa.

Movistar Internet Radio 5G

Agora, ao fin, Movistar dá o paso ao 5G, ofrecendo un servizo que elimina a restricción de velocidade, o que fai que se se ten acceso a 5G nas mellores condicións poderanse acadar velocidades de até 1 Gbps de baixada e 280 Mbps en subida. Ademais, é compatíbel cos servizo 4G e 3G, polo que aínda que non teñamos acceso a 5G sempre poderemos navegar a velocidades superiores que as que viñan estando limitadas polo servizo anterior.

Este servizo de Internet Radio 5G de Movistar é compatíbel coa Teleasistencia, e aínda que non se oferta con televisión, si que se pode empregar a través de servizos adicionais, como o propio Movistar Plus Lite, que se pode contratar con independencia da operadora que se teña para o servizo de Internet.

En canto aos prezos, Movistar Internet Radio 5G custa 41,90 €/mes, e ten 12 meses de permanencia. Inclúe teléfono fixo con chamadas ilimitadas a fixos e 50 minutos ao mes a móbiles. A anterior alternativa, baseada en 4G, continuará estando dispoñíbel coas súas limitacións de velocidade (20 Mbps / 800 kbps), e sen permanencia por 31,90 €/mes.

Sobre o autor

Reply