Qualcomm estrea o novo procesador Snapdragon 8s Gen 3, e Xiaomi é o primeiro fabricante en introducilo nun smartphone

Qualcomm fixo oficial a comezos de semana o seu novo procesador, o Snapdragon 8s Gen 3. Trátase dun chip de gama alta que garda moitas similitudes co Snapdragon 8 Gen 3 (actual referencia), mais que queda un paso por baixo, co obxectivo de reducir o seu prezo.

Está fabricado igualmente en catro nanómetros, e da súa folla de características destaca unha CPU formada por núcleos 1 x Cortex-X4 até 3.0 GHz, 4 x 2.9 GHz e 3 x 2.0 GHz (por baixo do SD 8 Gen 3), e soporte para intelixencia artificial xerativa e para modelos de linguaxe multimodais (LLM).

Segundo apunta o propio fabricante, este procesador verémolo principalmente en smartphones de Honor e Xiaomi, en concreto en modelos que se movan entre os 400 e 800 euros.

Xiaomi Civi 4 Pro

O primeiro smartphone en incluír este procesador é o Xiaomi Civi 4 Pro. Este modelo incorpora unha pantalla OLED de 6,55 polgadas, con resolución 2750 x 1236 píxeles. A súa taxa de refresco é de 120 Hz, o brillo máximo de 3000 nits e ademais soporta HDR10+, con Dolby Vision.

No interior, ademais do novo procesador de Qualcomm, leva 12 ou 16 GB de memoria RAM, así como 256 ou 512 GB de capacidade de almacenaxe interna. O sistema operativo é HyporOS baseado en Android, e dispón de dobre bandexa para instalar dúas tarxetas SIM.

A batería, de 4.700 mAh, soporta carga rápida de 67W mediante cable. Tamén leva lector de pegadas dixitais na pantalla, altofalantes estéreo con Dolby Atmos e Bluetooth 5.4. En canto á conectividade móbil, soporta as redes 5G.

A cámara principal é de 50 MP (Light Fusion 800, f/1.63). Ao seu carón un gran angular de 12 MP (120 graos) e un sensor telefoto de 50 MP. Na parte frontal apóstase por unha cámara dobre, con sensores de 32 MP cada unha delas.

O novo Xiaomi Civi 4 Pro será exclusivo do mercado chinés, sen que estea prevista a súa dispoñibilidade noutros mercados. Venderase en negro, rosa, azul e verde -nos tons da imaxe anterior- cun prezo de partida de 400 € ao cambio para o modelo base, de 12 + 256 GB.

Sobre o autor

Reply