O neobanco Revolut entra no mercado das eSIM para evitar sobrecustes do roaming

O neobanco Revolut presentou hoxe o seu servizo de eSIM e plans globais, que permite ás usuarias empregar datos móbiles no extranxeiro. Para empregalo, ademais de ser cliente da compañía, é preciso contar cun dispositivo que sexa compatíbel con esta tecnoloxía.

Con este lanzamento, a compañía entra a competir con outras empresas de eSIM que ofrecen un servizo semellante, grazas ao cal as usuarias poden adquirir un plan de datos para conectar o seu teléfono ao viaxar fóra. Se ben é algo que non empregamos ao desprazarnos por Europa, resulta de gran axuda se viaxamos a outros países arredor do mundo, xa que evitamos pagar así os sobrecustes do roaming global cuns prezos algo máis axustados.

Co obxectivo de que as usuarias de Revolut poidan probar o servizo, a compañía ofrece 100 MB gratis a todas a usuarias que instalen a eSIM antes do 1 de maio, que poden empregarse en calquera país. Ademais, as clientas que teñan un plan Ultra poderán ter 3 GB de datos móbiles para usar globalmente, que se renovan gratuitamente cada mes.

Diferentes opcións de contratación

A eSIM de Revolut pode contratarse individualmente para navegar por un país en concreto, con prezos bastante atractivos, que por exemplo para un país europeo parten do 4 € para 1 GB e chegan aos 24 € para 20 GB a consumir nunha semana.

Pero se nos imos mover por varios países, dispoñemos de tres opcións rexionais, que inclúen por un importe fixado datos para navegar en varios países. En total, hai 3 rexións:

  • Asia – Pacífico: inclúe Australia, Camboia, China, Corea do Sur, Filipinas, Hong Kong, India, Indonesia, Xapón, Kazajistán, Malasia, Nova Zelanda, Singapur, Tailanda e Vietnam
  • Europa: Albania, Alemania, Andorra, Austria, Bulgaria, Bélxica, Chequia, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Gibraltar, Grecia, Guernesey, Hungría, Irlanda, Isla de Man, Islandia, Italia, Jersey, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malta, Martinica, Montenegro, Mónaco, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rumanía, Serbia, Suecia, Suíza, Turquía e Ucraína
  • Norteamerica: Canadá, Estados Unidos, Mexico

En canto aos prezos, para as rexións de Asia – Pacífico e Europa ofrécense plans de 1 GB para 1 semana por 4 € e plans de 30 días de 3 GB (11,40 €), 5 GB (18€), 10 GB (33,50 €) e 20 GB (50,20 €). No caso de Norteamérica os prezos parten de 6 € (1 GB), e pasan por 15 € (3 GB), 23 € (5 GB), 42 € (10 GB) e 50,50 € (20 GB).

Por último tamén se ofrece un plan global que inclúe 108 países (incluíndo varios de Sudamérica que non se contemplan nos plans rexionais). Este plan permite navegar por varios países de todo o mundo cunha mesma cota e inclúe destinos como Arabia Saudí, Arxentina, Brasil, Bolivia, Catar. Ghana, Guatemala, Tanzania, Turquía ou Vietnam, entre outros moitos. Os seus prezos parten de 8 € para 1 GB e 7 días. O resto de plans son a 30 días, e ofrecen 1 GB por 8 €, 3 GB por 21,50 €, 5 GB por 32 €, 10 GB por 54 € e 20 GB por 62,50 €.

Sobre o autor

Reply