O fabricante de dispositivos ultrarresistentes Oukitel vén de presentar dous novos dispositivos Android robustecidos. Por unha banda temos a tablet Oukitel RT8, sumerxíbel e con cámara de visión nocturna. E por outra, o smartphone Oukitel WP36, que destaca pola súa enorme batería de 10.600 mAh.
Cunha pantalla de 11 polgadas con resolución 2K, 500 nits de brillo e protección Gorillas Glass 5, a Oukitel RT8 está pensada para acompañar ás usuarias máis extremas nas súas aventuras. Non importa que sexan persoas que necesitan empregar un dispositivo deste tipo por traballo ou excursionistas que a levan nas súas escapadas de ocio pola montaña.
O seu deseño ultrarresistente está certificado por varios estándares, entre eles IP68, IP69K e MIL-STD-810H, que lle permiten resistir 30 minutos somerxida a 1,5 metros de profundidade. E a súa batería, de 20.000 mAh de capacidade e carga de 33W, promete até 3 meses de autonomía en modo standby.

No seu interior tempos un procesador MediaTek Helio G99, con 6 GB de RAM (que poden incrementarse noutros 6 GB adicionais a partir da virtualización da memoria interna) e 256 GB para almacenaxe. Do resto de características destaca a súa cámara de visión nocturna de 20 MP e Android 13 como sistema operativo.
En canto ao smartphone, o Oukitel WP36 tamén ofrece capacidades de resistencia coas certificacións IP68, IP69K e MIL-STD-810H e protección Gorilla Glass 5 fronte a golpes e rabuñadas.
No seu interior atopámonos co procesador octacore MediaTek 8788, con 8 GB de RAM (+ 8 GB mediante virtualización) e 128 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade. A súa batería ten 10.600 mAh de capacidade, máis do dobre do que ten un smartphone estándar.

Outro dos seus puntos fortes é o son, un campo no que conta cun altofalante de 3,5 W de potencia, capaz de reproducir son de até 128 decibelios. Ademais, conta con son dinámico 8D para ofrecer unha experiencia moito máis inmersiva.
Dispoñibilidade e prezo
A nova tablet Oukitel RT8 está dispoñíbel cun prezo promocional de lanzamento por 284,99 € até o 5 de abril. A partir desa data, o seu prezo habitual será de 341,99 €.
Tamén comeza cun prezo promocional o smartphone Oukitel WP36, que até o 5 de abril pode adquirirse por 138,99 €, fronte os 218,99 € que terá como PVP.