Seguindo os pasos de Microsoft coas súas novas Surface, Lenovo tamén vén de anunciar novidades na súa gama de portátiles cunha orientación cara o mundo empresarial. Trátase dos novos Lenovo ThinkPad X13 Gen 5 e X13 2-en-1 Gen 5, dous dispositivos cos novos chips Intel Core Ultra, deseñados para sacarlle partido ás novas funcionalidades de intelixencia artificial, e unha memoria RAM que chega até os 64 GB.

O principal factor diferencial entre ambos modelos é unha cuestión de deseño, sendo o primeiro un portátil máis convencional, e o segundo un convertible. Malia iso, comparten dimensións de 301,7 x 213,8 x 15,95 mm, e un peso que parte dos 1,2 quilogramos, pero que pode verse incrementado se escollemos unha batería de maior tamaño.
A pantalla que incorporan é un panel IPS táctil de 13,3 polgadas, con formato 16:10, resolución WUXGA (1.920 x 1.200 píxeles) e 300 nits de brillo, que inclúe soporte para o Lenovo Pen no modelo 2×1. No interior levan o procesador Intel Core Ultra con Intel vPro (EVO Edition), até 64 de RAM e até 2 TB de SSD. Hai diferenza nos gráficos, con Intel Arc no modelo convencional e Intel Iris Xe no convertíbel.

En canto ao audio, temos 2 altofalantes e 2 micrófonos, con soporte para Dolby Audio Premium e Dolby Voice. A cámara para videochamadas é de 5 MP (inclúe pestana de privacidade) e a batería de 41 ou 54,7 Wh, que promete longa duración mantendo o rendemento.
A configuración de portos e conectividade inclúe 2 portos Thunderbolt 4 (40 Gbps), 2 USB-A (5 Gbps), HDMI 2.11 x Audio e nanoSIM nas variantes con conectividade móbil 5G. Tamén leva Bluetooth 5.3 e WiFi 7 ou WiFI 6E, segundo versión. O lector de pegadas dixitais (compatíbel con Windows Hello) completa a súa folla de características.
Dispoñibilidade e prezo
O Lenovo ThinkPad X13 Gen 5 ten un prezo de partida de 1.399 na súa configuración máis básica, mentres que o X13 2-en-1 Gen 5 parte dos 1.649 €. Ambos os dous chegarán ao mercado do noso país ao longo deste segundo trimestre.