Motorola ten previsto presentar o Motorola Edge 50 Pro mañá na India, un dispositivo que será distribuído despois de maneira global. Unha nova filtración deste novo modelo deixou ver non só as opcións de cor antes do seu lanzamento, senón tamén o prezo co que vai ser comercializado en Europa.
A través da imaxe dun distribuidor italiano sabemos que o modelo equipado con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenaxe interna custará 864 €, un prezo 364 € superior aos 500 € do seu prezo ao cambio das rupias indias.
Especificacións do Motorola Edge 50 Pro
As filtracións deste terminal tamén nos permiten saber que terá unha pantalla pOLED curva de 6,7 polgadas con resolución 1.5K, taxa de refresco de 144 Hz e 2000 nits de pico de brillo máximo.
No interior, ademais dos 12 + 512 GB de RAM e memoria interna dos que xa falamos, teremos un procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 3, e virá con Android 14 de serie coa promesa de cando menos tres grandes actualizacións de Android.
No aspecto fotográfico destaca a cámara frontal con 50 MP, así como unha cámara traseira con apertura f/1.4. Segundo os rumores, terá tamén un gran angular e un sensor telefoto, mais haberá que agardar a mañá para ver as súas características finais.