OnePlus anunciou na India a chegada dun novo smartphone da serie Nord que se incorpora ao seu portfolio. Trátase do OnePlus Nord CE4, un dispositivo de prestacións medias que destaca pola súa autonomía, cunha capacidade de batería de 5.500 mAh e carga rápida de 100W.
A súa pantalla é un panel AMOLED de 6,7 polgadas, con resolución FullHD+ (2412 x 1080 píxeles, 394 ppp) e taxa de refresco de 120 Hz. No seu interior atopámonos co procesador Snapdragon 7 Gen 3 de Qualcomm, xunto con 8 GB de RAM e 128 ou 256 GB de memoria interna, ampliábeis con tarxetas microSD de até 1 TB.
No apartado da fotografía temos unha combinación de cámara traseira dobre, formada por un sensor principal e un gran angular. O primeiro é de 50 MP con f/1.8, e o segundo de 8 MP con f/2.2. Para a cámara frontal, o fabricante escolleu un modelo de 16 MP con f/2.4.
A folla de especificacións complétase cun sensor de pegadas dixitais situado baixo a pantalla, altofalantes estéreo (compatíbeis con son Hi-Res), WiFi 6, Bluetooth 5.4 e unha conectividade móbil que queda no LTE. O seu sistema operativo é Android 14, personalizado con Oxygen OS 14.0.
Dispoñibilidade e prezo
O novo OnePlus Nord CE4 comercializarase en dúas cores, gris e verde menta, desde o 4 de abril na India, e posteriormente extenderase a súa dispoñibilidade a novos territorios.
A versión con 128 GB de almacenaxe interna ponse á venda por uns 280 € ao cambio, e a de 256 GB por pouco máis de 300 €. Ambos os dous veñen con 8 GB de RAM, ampliábeis noutros 8 GB adicionais mediante virtualización.