Nace MASORANGE como empresa líder nas telecomunicacións do Estado

Tras ter culminado o proceso de fusión, e tal e como anunciamos hai apenas uns días, Orange e MásMóvil veñen de anunciar o nacemento de MASORANGE. Unha nova compañía que nace sendo líder do sector das telecomunicacións no Estado en número de clientes, e coa promesa de investir 4.000 millóns de euros nos próximos tres anos.

Na súa presentación, o novo grupo debullou a súa declaración de intencións, apuntando a que pretenden facer accesíbel a tecnoloxía para todas as persoas, tanto se residen en áreas urbanas como se o fan en entornos rurais, onde -apostillan- MASMOVIL vai xogar un papel dinamizador moi relevante.

Nova identidade corporativa

A Joint Venture entre Orange e MásMóvil presentou xunto coa denominación do grupo, a súa nova identidade visual corporativa, que representa a unión dos dous grupos nun só proxecto e unha identidade única.

Esta imaxe está formada polo MAS, que representa a MásMóvil e para o que se usa o signo “+”, e o ORANGE, que representa a Orange e se representa cun “O” como símbolo da cobertura universal, a seguridade e dous parénteses que representan a unión de dúas empresas nun único proxecto.

Primeiro operador en número de clientes

MASORANGE convértese no seu nacemento no primeiro operador do mercado español por número de clientes, con máis de 37 millóns de liñas entre móbil e banda larga fixa (+30M en servizos móbiles, 7,3M de banda larga) e 2,3 millóns de usuarias de televisión, cunha cota de mercado superior ao 40% tanto en fixo como en móbil.

Ademais, é o operador con maior cobertura de FTTH do Estado, con máis de 29 millóns de fogares comercializables con fibra óptica. Non lidera nas taxas de telefonía móbil, onde as cifras sitúanos no 98% de cobertura 4G e 80% en cobertura 5G, chegando a 2.500 concellos en todo o Estado.

Estratexia multimarca

Unha das grandes incógnitas da fusión de ambas compañías é que vai pasar con todas as marcas que aglutinan en conxunto. Así, tras a fusión, MASORANGE conta coas marcas Orange, Yoigo, Jazztel, MásMóvil, Pepephone, Simyo, Virgin Telco, Lycamobile, Lebara, Llamaya, Euskaltel, R, Telecable, Guuk, Embou e Populoos. Isto é, un total de 9 marcas principais a nivel estatal, 5 a nivel rexional e outras de nicho de mercado.

A compañía apunta a que seguirá cunha estratexia multimarca, e e ben non aclara que vai pasar a nivel estatal, si que traslada que Euskaltel, R e Telecable seguirán a ser as marcas de referencia nos mercados de Euskadi, Galiza e Asturias, respectivamente, e que se beneficiarán dos plans de inversión, innovación e impacto positivo.

Plan industrial

Na súa presentación, MASORANGE tamén fala dun plan industrial “ambicioso” baseado en cinco “ies”:

  • Ingresos: un proxecto que busca seguir medrando servizos telco e non telco.
  • Integración: busca de sinerxias por 500M€ anuais para optimizar infraestruturas solapadas, para reinvertir na ampliación das redes 5G e FTTH.
  • Inversión: previsión de inversión de 4.000 M€ nos próximos tres anos para o despregamento de 5G (para superar o 90% da poboación), fibra (calculan chegar a 6 millóns de novas unidades inmobiliarias cableadas) e outros servizos.
  • Innovación: achegar as últimas tecnoloxías de conectividade, como o XGSPON, FTTR, WiFi 6E, WiFi 7, 5G Stand Alone e 5G network slicing.
  • Impacto positivo: seguir a promover solucóns coas Fundacións Orange e Euskaltel e traballar no obxectivo Net-Zero Carbon para reducir a pegada de carbono.

Co nacemento de MASORANGE ábrense moitas incógnitas sobre cara onde vai evolucionar o mercado no Estados español. Reducir os grupos implica menos competencia, pero tamén a realidade de que Telefónica deixa de ser a operadora dominante, o que permitirá que poida ser máis agresiva comercialmente. E non hai que esquecer que Vodafone vén de ser mercada polo grupo Zegona, un grupo que chega con ganas de mercar outros operadores, polo que haberá grandes movementos nos próximos meses.

Sobre o autor

No Responses

Reply