Continúan os movementos nas principais operadoras do Estado, e se onte falabamos do nacemento de MASORANGE, hoxe temos que facelo de DIGI. Esta compañía, unha das marcas que maior crecemento está a experimentar grazas á súa estratexia de ultra baixo custe, vén de anunciar o acordo cun Consorcio formado polos fondos de investimento Macquarie Capital, abrdn e Arjun Infrastructure Partners para a venda dunha parte da súa rede de fibra até o fogar (FTTH).
O acordo, cifrado en 750 millóns de euros, supón a venda de 6 millóns de accesos de fibra óptica, dos que 4,25 millóns de accesos xa están despregados e se entregarán ao pecha da operación, e os restantes 1,75 millóns serán despregados no prazo estimado de tres anos. O acordo abarca os accesos situados en 12 provicnias españolas: Madrid, Segovia, Ávila, Murcia e as que compoñen Castilla-La Mancha e Comunitat Valenciana.
Esta alianza contempla que DIGI siga empregando esta rede de fibra, que desde o 2021 vén sendo considerada como a rede de fibra máis rápida polos Ookla Speedtest Awards. Do mesmo xeito, a compañía estará directamente involucrada na rede ao longo de toda a duración do proceso, sendo a compañía responsable do seu mantemento e podendo experimentar as melloras xa anunciadas, como as conexións de 50 Gbps.
Este movemento permítelle a DIGI reforzar a súa capacidade de investimento a longo prazo en novas infraestruturas. Un paso necesario tamén para tratar de sacar proveito aos remedies conseguidos pola fusión de MásMóvil e Orange na compañía MASORANGE, que permitirán a DIGI contar coa súa propia infraestrutura móbil.
Tras a sinatura do acordo, a operación queda suxeita ás condicións habituais de peche, incluída as pertinentes autorizacións de Inversión Extranxeira Directa (FDI) en España e de control e operacións de concentración pola Comisión Europea.
Esperemos que os fondos non presionen muito e digi continue a ser a mellor en calidade/prezo