vivo anuncia o V40 SE 5G, á venda con regalo de lanzamento

Vivo aposta forte polo noso país, onde vén de presentar un novo modelo de gama media. Trátase do vivo V40 SE 5G, un dispositivo económico que aspira a competir nun dos segmentos de prezo máis dinámicos, o que se sitúa arredor dos 300 euros.

A súa folla de características resulta bastante interesante, e inclúe unha pantalla AMOLED de 6,67 polgadas con resolución Full HD+ (2400 x 1080 píxeles, 394 ppp), taxa de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 1800 nits. No interior leva o procesador de oito núcleos a 2,2 GHz Qualcomm Snapdragon 4 Gen 2, fabricado en 4 nanómetros.

Dispón de 8 GB de memoria RAM, ampliábeis mediante virtualización a costa da memoria interna noutros 8 GB adicionais, e 256 GB de capacidade para os nosos datos. Na conectividade temos WiFi de dobre banda, Bluetooth 5.0 e 5G, ademais de chip NFC para poder facer pagos móbiles. A súa autonomía vén dada por unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 44W.

En canto ás cámaras, na parte traseira temos un sensor principal de 50 MP con f/1.8 e estabilizador óptico de imaxe. Vén acompañado de dous sensores complementarios, un gran angular de 8 MP con f/2.2 e un sensor macro de 2 MP con f/2.4. Para os autorretratos Vivo apostou por un sensor frontal de 16 MP con f/2.0.

O sistema operativo que vén de serie con este novo dispositivo é Android 14, coa personalización Funtouch OS 14, propia do fabricante chinés.

Se falamos de deseño, o novo vivo V40 SE destaca polas súas liñas rectas e o efecto 3D nos bordes. Está construído principalmente en metal e ten un grosor de tan só 7,79 milímetros no modelo en negor e de 7,99 milímentros no modelo morado, xa que neste último a traseira conta cun acabado en coiro vegano, fronte o modelo en negro, que aposta polo cristal.

Dispoñibilidade e prezo do vivo V40 SE 5G

O novo vivo V50 SE 5G está dispoñíbel no noso país en negro e morado, nunha única combinación de memorias de 8 + 256 GB.

O seu prezo oficial é de 299 €, e como promoción de lanzamento inclúe, polo mesmo prezo, un paquete que leva un cargador de carga rápida e uns auriculares sen fíos de agasallo.

Sobre o autor

No Responses

Reply