A operadora Vodafone ten entre os seus obxectivos ambientais o fomento da economía circular, para maximizar a vida útil dos dispositivos, estratexia dentro da cal reparou no último ano 100.000 terminais da súa clientela. Un servizo, o das reparacións, que as usuarias da compañía poden atopar na rede de tendas Vodafone ou tamén solicitalo a domicilio. Ademais, durante o período de reparación -que adoita ser de 5 días laborais- as usuarias poden recibir sen custe un dispositivo de substitución.
Máis aló das reparacións, Vodafone apunta que reciclou 1,5 millóns de trebellos a peche de marzo de 2023, recollidos a través da súa rede de postvenda e loxística. Destes dispositivos, entre os que se inclúen teléfonos, patinetes eléctricos, televisores e routers, un 77% adicouse á reutilización e o resto á reciclaxe.
Ademais, como parte do acordo entre Vodafone e WWF para que as usuarias da compañía reciclen ou reutilicen de maneira responsábel os seus termianis, entre abril e setembro de 2023 recolléronse outros 18.547 dispositivos.
Respecto aos residuos de rede, Vodafone recicla o 100% dos seus equipos de telecomunicacións. O 99% do total foron reutilizados, e o 1% reciclado, acadando a cifra de 722 toneladas de equipos que non foron a parar aos verquedoiros. Esta estratexia enmárcase no obxectivo do Grupo Vodafone de acadar que o 100% dos seus residuos sexan reutilizados, revendidos ou reciclados no 2025.