Google filtra accidentalmente o Pixel 8a

O Google Pixel 8a está ao caer, e se ben a cita de maio na conferencia de desenvolvedoras GOogle I/O ten moitas papeletas, non sería descartable que puidera chegar incluso antes. E é que o número de filtracións ven medrando nas últimas datas, até o punto que Google tamén o deixou ver -accidentalmente- nun vídeo que estivo algún tempo colgado na rede.

Foi nun anuncio de Google Fi, a operadora móbil que Google ten nos Estados Unidos, onde apareceu a imaxe do Pixel 8a. Se ben non foi anunciado como tal, a imaxe é dun dispositivo diferente aos Pixel que se están a comercializar oficialmente, o que fai crer que podería tratarse deste modelo.

En canto ás características, a estas alturas xa se coñece practicamente toda a folla de especificacións, a comezar polo seu procesador, o Tensor G3 que leva o Pixel 8. A súa pantalla será un panel OLED de 6,1 polgadas, con resolución FHD+ e taxa de refresco de 120 Hz, e as opcións de memoria de 128 e 256 GB.

Na parte traseira montará dúas cámaras, a principal de 64 MP con OIS e un sensor secundario gran angular de 13 MP. Do outro lado, na parte dianteira teremos un sensor de 12 MP para videochamadas ou autorretratos.

A súa batería quedará nos 4.500 mAh, con carga de 27W, e sairá á venda portando a última versión de Android estable dispoñíbel, Android 14. O seu prezo rondará os 500 euros.

Sobre o autor

Reply