Nas últimas semanas estivemos a probar o Pixel Watch 2, o último dos smartwatches de Google. Trátase dun dispositivo de deseño minimalista, tamaño contido e pantalla curvada que nos convida a levar no pulso toda a potencialidade que ofrece WearOS. A continuación podes ler en detalle as nosas impresións
Deseño, acabado e conexións
O Google Pixel Watch 2 destaca polo seu deseño. Non por estar este cheo de florituras, senón por todo o contrario: o seu aspecto minimalista. Con isto o fabricante semella querer aproximarse aos reloxos tradicionais, optando por un formato circular. O seu tamaño é bastante contido (diámetro de 41 mm), e tamén o seu peso (31 gramos). Quizais o aspecto que máis resalta é o seu grosor, de 12,3 mm, algo superior a outros modelos que temos probado.
O que máis chama a atención é a súa pantalla, curvada nos bordes semellando non ter fin, onde se une coa caixa fabricada en aluminio -100% reciclado- que pode ser de cor prata pulida, negro mate ou ouro champagne, dependendo da combinación de cor caixa – correa escollida entre as opcións iniciais.
No lateral esquerdo temos unha coroa que serve de pulsador e tamén permite desprazamentos rotando cara arriba e abaixo. Pulsándoo unha vez accedemos ás aplicacións instaladas (ou volvemos ao inicio desde calquera pantalla). Pulsándoo dúas, abre Wallet para pagar. Manténdoo pulsado arredor de tres segundos podemos acceder a funcións como a mensaxe de socorro, apagalo ou reinicialo. Por riba desta coroa hai un botón integrado na caixa coa funcionalidade “atrás” se o pulsamos unha vez; acceder á app anterior se se pulsa dúas, ou activar o asistente se se mantén apretado
Na parte interior da caixa, a que queda contra o pulso, atopamos os diferentes sensores, como o sensor de frecuencia cardíaca, e tamén catro puntos que fan de anclaxe para o conector de carga. No lateral esquerdo temos unha pequena fenda onde se sitúa o micrófono e o altofalante que integra.
A correa que trae de serie é de tipo deportivo, e se pode adquirir en dous tamaños para adaptarse a diferentes grosores de pulso. Pódese cambiar cunha selección de correas que google pon a disposición das usuarias.
En canto á resistencia, a pantalla está protexida por Corning Gorilla Glass 5, e tamén é resistente á auga de 5 ATM / IP68. Isto permite que o dispositivo poida empregarse en inmersións de até 50 metros, polo que se pode usarse durante os adestramentos da piscina, tendo en consideración aclaralo tras o baño.
Características técnicas
O Pixel Watch 2 leva no seu interior un procesador Qualcomm 5100, axudado por un Cortex M33 (ligado á industra IoT), xunto con 2 GB de memoria RAM e 32 GB para almacenaxe de aplicacións e outros contidos. Con este hardware o reloxo móvese con fluidez e ofrece unha boa experiencia de na xestión da multitarefa en aplicacións, sen retardos que poidan empañar o seu funcionamento.
Está equipado por Bluetooth 5.0 e WiFi 802.11 b/g/n a 2.4 GHz. Principalmente empregará Bluetooth para sincronizarse co noso smartphone, pero tamén empregará a rede WiFi se nos separamos deste, extendendo así a súa utilidade. Existe unha versión que dispón de conectividade móbil LTE, pero non se comercializa no noso país.
Dispón de chip NFC para pagos móbiles a través de Google Wallet e servizos de localización mediante os sistemas GPS, GLONASS, BeiDou e Galileo. Isto permite empregar o dispositivo para gravar os nosos adestramentos se non temos o smartphone vinculado.
Pantalla
A súa pantalla é un panel de 1,2 polgadas, e aínda que os marcos son bastante anchos, quedan disimulados pola forma da pantalla, complicando diferenciar onde acaba unha cousa e comeza a outra. É un panel AMOLED con resolución de 450 x 450 píxeles (320 píxeles por polgada) e que cubre o espazo de cor DCI P3.
A experiencia é moi positiva, cunha nitidez máis que suficiente para un dispositivo que levamos no pulso, e uns ángulos de visión amplos que permiten ver a pantalla con claridade desde diferentes orientacións. Tamén o brillo, de 1000 nits, permite ver que o reloxo con claridade en entornos luminosos -exteriores- e conta cun sensor de luminosidade -situado baixo a pantalla- que adapta a intensidade aos diferentes ambientes nos que se atopa.
Dispón do modo always-on-display a toda cor, que permite ter a pantalla visíbel mentres se leva posto, facilitando ás usuarias ter unha experiencia mais semellante á dun reloxo tradicional. Tamén dispón dun sensor que lle permite recoñecer o xiro do pulso para activar a pantalla.
Durante as horas de sono pode que non nos interese ter activa a funcionalidade always-on, aforrando así enerxía e evitando destellos que poden molestar. Para iso podemos activar o modo descanso, que evita a luza na pantalla e para as vibracións.
Sistema operativo e uso
O sistema operativo do Pixel Watch 2 é WearOS 4, que destaca pola fluídez e por incorporar melloras na accesibilidade e personalización. Incrementa tamén as posibilidades de interacción, especialmente en apps de mensaxería como Gmail ou Whatsapp.
A configuración e sincronización realízase a través da aplicación Watch de Google, que detecta inmediatamente o reloxo e permite a súa configuración nuns sinxelos pasos. O proceso é rápido e en apenas un par de minutos poderemos telo operativo.
Desde esta aplicación poderemos personalizar numerosos aspectos relacionados co reloxo, como a apariencia da esfera (se non nos gusta ningunha podemos adquirir novas na Play Store), as tarxetas que queremos que aparezan ou configurar as diferentes aplicacións vinculadas, como Fitbit. Precisamente esta aplicación, Fitbit, cobra especial relevancia para a xestión da información de saúde, polo que será necesario ter unha conta -ou creala- para poder sacarlle todo o partido á mesma.
Tamén se poden configurar aspectos como o tempo de acendido da pantalla, os xestos ou as notificacións que se amosarán no reloxo. Se ben é certo que moitas destas cousas poden facerse desde o propio reloxo, empregando a aplicación será un proceso máis áxil e rápido.
Entre as aplicacións que veñen preinstaladas atopamos o asistente de Google, a aplicación de notas Keep ou Maps, ás que se podemos engadir ferramentas compatíbeis que teñamos instaladas no teléfono, e que aparecerán tamén no reloxo.
Pódese protexer o acceso ao reloxo mediante un código PIN ou patrón, mais a nosa recomendación é optar pola primeira opción, xa que o tamaño da pantalla dificulta introducir con xeito un patrón. Se configuramos Wallet, será obrigatorio protexer o reloxo cun destes métodos, se non é o caso, podemos prescindir de facelo, simplificando a interacción co smartwach.
Tamén é relevante neste punto falar das funcións de saúde, onde o Pixel Watch ofrece funcións como o control do sono ou da frecuencia cardíaca, permitindo o acceso aos datos ao longo de todo o día cun control case permanente.
Dipón dunha alerta que avisa ás usuarias se detecta valores especialmente baixos ou altos de frecuencia cardíaca, que activa tamén o son para evitar problemas de saúde. Do mesmo xeito, tamén é quen de detectar caídas, alertando ao usuario primeiro e -de non facer nada- establecendo unha chamada cos servizos de emerxencia para que poidan mobilizar os medios necesarios.
Batería
A súa batería é de 306 mAh. Fiel á promesa de Google de ofrecer unha duración de 24 horas de uso típico coa funcionalidade da pantalla always-on activa. Iso foi o que fomos conseguindo durante as semanas de probas. Dependendo do uso e da actividade esta autonomía podía extenderse até preto de día e medio ou rondar as 24 horas, pero nunca nada fóra de aí.
Se queremos conseguir unha maior autonomía podemos prescindir desta pantalla activa, e reducir as lecturas do ritmo cardíaco, ciclos de sono e saturación de osíxeno, malia que isto implicará renunciar a funcións que resultan bastante interesantes.
Como é habitual neste tipo de dispositivos, dispón dun modo de aforro de enerxía, que principalmente bloquea a pantalla sempre activa e a función do xiro do pulso para activar a pantalla.
O ciclo de carga completa é duns 50 minutos, e fai necesario empregar un cargador específico que ten catro puntos de anclaxe. Como curiosidade, só admite unha posición, repeléndose no resto de casos, e non se pode cargar nas bases de carga como as que empregan outros fabricantes, nas que simplemente hai que pousar o reloxo sobre a mesma.
Conclusións
Tras estar probando o Google Pixel Watch 2 durante varias semanas, consideramos que este dispositivo é unha compra moi interesante para as persoas que buscan un reloxo con deseño minimalista a acceso ás numerosas funcións que nos ofrece WearOS.
Os puntos que máis destacamos son o seu deseño e posibilidades coas aplicacións de Android, así como a fluídez coa que funciona todo e a protección que ofrece. A nota negativa temos que darlla ao cargador, pola pequena incomidade que supón ter que buscar o punto concreto para cargalo, e á autonomía, que sendo suficiente para pasar un día, podería mellorar para ofrecer unha duración maior.
O Google Pixel Watch 2 ten un prezo de referencia de 399 €, mais no momento de realizar esta análise está rebaixado a 329 €.