UnaBiz, un dos provedores líderes de servizos de conectividade para a Internet das Cousas (IoT, polas súas siglas en inglés), vén de compartir a IV edición do Mapa da IoT en España. O estudo analiza o total de dispositivos conectados á súa rede por cuarto ano, co obxectivo de coñecer que territorios e sectores veñen liderando a implantación da IoT no conxunto do Estado.
En total, analizáronse 5.444.908 dispositivos (470.477 máis ca no anteiror mapa de IoT), dos cales o 37,84% empréganse para tarefas de loxística, un 25,6% en agricultura e gandeiría e un 18,75% para labores de eficiencia enerxética.
Especialmente interesantes son os datos do sector primario, o que apunta a unha modernización das tarefas de agricultura e gandeiría mediante a implantación de ferramentas tecnolóxicas que contribúen á eficiencia, produtividade e sostibilidade.
Análise territorial
Na análise territorial, obsérvase un significativo crecemento en Galiza, pasando de ter un 2% a un 2,66% de dispositivos conectados. Tamén destaca Ceuta, cun crecemento do 1 ao 1,87%, superando a rexións como La Rioja, Extremadura, Canarias ou Asturias.
O novo Mapa da IoT apunta tamén un rápido crecemento de Euskadi (5,32%), que se vai achegando ao “top 3” que lideran Madrid (36,76%, baixando 2 puntos), Catalunya (13,86%) e Andalucía (11,70%), e situándose moi preto das Illes Balears (5,56%). No outro lado da balanza, Navarra, Canarias, Melilla e Cantabria son os lugares con menor cota de implantación de dispositivos IoT, non superando ningunha delas o 1% sobre o total.
Estes datos amosan un panorama dinámico e en constante evolución. Unha tendencia moi interesante, que apunta á redución gradual da fenda entre os diferentes territorios do conxunto do Estado, no que cada rexión xoga un papel moi importante no impulso da conectividade e a innovación tecnolóxica.