Nas últimas dúas semanas, xunto co Pixel Watch 2, estivemos a probar o Google Pixel 8. Trátase dun dos últimos smartphones presentados por Google, xunto co Pixel 8 Pro, que ofrece a última versión de Android, unha experiencia de fotografía superior e un tamaño compacto: 6,2 polgadas. Nas seguintes liñas podes ler as nosas impresións sobre el.
Deseño e acabados
O Google Pixel 8 séntese como un dispositivo premium desde o momento de sacalo da caixa. Nisto ten moito que ver o seu deseño e, por suposto, os seus acabados. Se ben en termos de deseños apreciamos unha liña continuísta, que Google conserva desde o Pixel 6, as novidades están en ter conseguido unhas liñas máis suaves.
Nos acabados o cristal é o gran protagonista, presente na pantalla -obviamente- e tamén no panel traseiro, unha capa de vidro sen bordes protexido por Corning Gorilla Glass Victus. O marco que rodea todo o dispositivo é de aluminio, suavizado até o punto de case confundirse co cristal.
Na parte traseira destacan as cámaras, alzadas sobre a capa traseira nunha liña metálica que atravesa o teléfono de lado a lado na parte superior, xunto co seu flash LED. E nunha posición centrada desta parte traseira, o característico “G” de Google.
O conxunto de botóns sitúase no lateral dereito, nunha posición máis arriba o de acendido e debaixo os controis de volume. Do outro lado, no lateral esquerdo, temos a bandexa extraíbel para a microSIM, e xa na parte inferior o conector USB-C xunto dous altofalantes.
Dispón de grao de certificación IP68 para auga e pó, e se ben Google presume de contar cun revestimento bastante resistente as pegadas dixitais, o aspecto máis “sucio” témolo no doado que é que se acumule pó onde se une o módulo da cámara coa traseira do dispositivo, como se pode ver na seguinte imaxe.
Poderíamos resumir o deseño do Pixel 8 como un produto minimalista do deseño, pero cos detalles coidados para ser diferente. Un trebello cómodo de soster na man, e á vez algo esbaraío. O seu peso, 187 gramos, contribúe a ofrecer unha sensación de dispositivo confiábel.
Hardware e rendemento
Este modelo está equipado co procesador Tensor G3, deseñado pola propia Google pero fabricado por Samsung coa tecnoloxía de 4 nanómetros. A súa arquitectura está baseada nos núcleos ARM, distribuídos en dous núcleos Cortex-X2 a 2,8 GHz, dous núcleos Cortex-A76 a 2,4 GHz e catro núcleos Cortex-A55 a 1,8 GHz
Xunto a este procesador temos 8 GB de memoria RAM e opcións de 128 ou 256 GB (o modelo que probamos era de 128 GB), sen posibilidade de extender esta capacidade mediante tarxetas microSD.
A conectividae vén dada por WiFi 7 (bandas 2,4 GHz + 5 GHz + 6 GHz), 5G, Bluetooth 5.3 con dobre antena para ofrecer maior calidade e conectividade e sistema de posicionamento múltiple (GPS, GLONASS, Galileo, QZSS e BeiDou). Tamén dispón de lector de pegadas dixitais, situado baixo a pantalla na parte central, e NFC para pagos móbiles.
En termos xerais, o dispositivo móvese sen problema e é quen de resolver as principais demandas de hardware. Si que é certo que, especialmente nalgún xogo potente, acusamos certa latencia que podería terse solucionado con algo máis de RAM, como ten o Pixel 8 Pro. Mais sacando iso, o móbil cumpre con nota neste aspecto.
Pantalla
A pantalla do Pixel 8 é un panel OLED de 6,2 polgadas, con resolución 2400 x 1080 píxeles (428 píxeles por polgada). Ofrece unha taxa de refresco variábel, entre os 60 e os 120 Hz, que o dispositivo adapta automaticamente segundo o contido que se estea a amosar na mesma, co obxectivo de optimizar ao consumo de enerxía. Así, durante as partidas de videoxogos sube até o máximo, reducíndose a valores mínimos en aplicacións máis estáticas.
O seu brillo máximo é de 2000 nits (1400 nits en HDR), o que se traduce nunha experiencia realmente boa en exteriores, mantendo non só a calidade da visión, senón tamén as cores, mesmo cando o sol incide directamente sobre o panel. E falando de cores, o Pixel 8 permite elixir diferentes modos de cor, natural ou vibrante, segundo prefiramos. Tamén é compatíbel con HDR+10.
No centro da parte superior atopamos incrustada a cámara frontal, cun burato que pasa bastante desapercibido, e que permite que o marco superior sexa estreito.
O panel está protexido mediante Corning Gorilla Glass Victus, reducindo (ou minimizando) as posibilidades de rotura en pequenas caídas, e de quedar coas marcas das rabuñadas máis habituais nos smartphones, producidas maiormente cando se leva no peto ou nun bolso con outros obxectos que poidan danala, como as chaves.
Cámara
O Pixel 8 está equipado con dúas cámaras na parte traseira, un sensor principal de 50 MP e un secundario de 12 MP. O primeiro ten unha anchura de píxel de 1,2 μm, estabilización óptica de imaxe e apertura de f/1,68, mentres que o segundo é un gran angular con apertura f/2.2 e campo de visión de 125,8 graos.
O da fotografía é un dos aspectos nos que Google vén destacando desde hai varios anos cos seus dispositivos. Non porque os sensores sexan mellores ca os que poidan empregar outros fabricantes das mesmas gamas, senón porque vén facendo un importante traballo a nivel software para o procesado, facendo que os resultados sexan nítidos e datallados en todas as condicións.
É que hai detrás deste software? Pois evidentemente, moitos algoritmos de intelixencia artificial, que se encargan de mellorar as nosas imaxes analizando o que se vai fotografar e o ambiente, para adaptar parámetros como o balance de brancos, o enfoque, o contraste ou o rango dinámico.
Tamén aplica algoritmos de IA para o postprocesado e a edición, por exemplo para borrar elementos que non queremos que queden na nosa fotografía co Magic Eraser, e outros que podemos atopar na aplicación de Google Fotos.
Batería
Un dos aspectos que máis nos sorprendeu, postivamente, foi o da batería. O Pixel 8 leva unha batería de 4575 mAh de capacidade. Conseguimos día e medio de autonomía cunha carga completa e un uso relativamente intenso e mixto, incluíndo redes sociais, consumo de vídeo, uso da cámara e aplicacións de mensaxería varias.
Destaca tamén o baixo consumo que ten en reposo, o cal tamén nos parece un punto positivo a resaltar nesta análise. E se empregándoo vemos que imos xustas, podemos activar a función de Aforro de Batería Extremo, que permite extender o uso do móbil até 72 horas, a costa de limitar aplicacións e -sobre todo- os servizos en segundo plano.
Como non podería ser de outro xeito, é compatíbel con carga rápida, aínda que non tan rápida como outros modelos da competencia: 27 W. Isto supón que podemos cargar aproximadamente a metade da batería nuns 30 minutos. Tamén é compatíbel coa carga sen fíos do estándar Qi, e dispón da opción de carga sen fíos inversa, que nos pode servir para cargar outros trebellos.
Software
O Pixel 8 conta con Android 14, e durante o tempo que o estivemos a probar recibiu a última actualización para engadir funcionalidades que foron anunciadas no MWC, como “circle to search”, que permite rodear pordutos para facer unha busca na Internet.
O mellor dos dispositivos Pixel, como temos dito en moitas ocasións, é o seu software. Unha interface limpa, sinxela, evitando recargas de capas de personalización non sempre gustan e, sobre todo, sempre á última, xa que son os primeiros dispositivos en recibir as novidades software.
O Pixel 8 pon na man das usuarias as novidades de Android 14, como as notificacións intelixentes ou o modo oscuro adaptativo, que nos encanta. Tamén novas funcións relacionadas coa privacidade e seguridade, que se ben non é algo no que se fedelle, agradécese saber que está aí (de feito inclúen un chip para estas funcións, o Titan M2).
Para rematar con este apartado hai que resaltar que Google prometeu 7 anos de actualizacións para o Pixel 8, un dato clave se somos unha persoa que extende ao máximo a vida útil do seu dispositivo.
Conclusións
Logo de ter probado o Pixel 8 durante un par de semana como teléfono principal, e acostumado a empregar dispositivos de maior tamaño, a experiencia foi moi positiva. Trátase dunha gran opción para aquelas persoas que están a buscar un dispositivo de grandes prestacións e que queren un tamaño contido, fronte a esa tendencia a que a gama alta sexan modelos que se aproximan ás 7 polgadas.
A experiencia software, o rendemento equilibrado e a potencialidade da súa cámara son os grandes puntos fortes deste modelo. O principal punto negativo é que non ofreza opcións con maiores capacidades de RAM e memoria, tendo en conta que non permite ampliar a capacidade.
O Pixel 8 está dispoñíbel en catro cores (verde menta, verde liquen, obsidiana (negro) e rosa, actualmente por 649 € o modelo con 128 GB e 709 € o de 256 GB.