Máis ca unha telco: os outros servizos que ofrece MASORANGE

A semana pasada demos conta do nacemento de MASORANGE, o grande xigantes das telecomunicacións que nace da fusión de Orange e MásMóvil. Unha compañía que aparece sendo líder en número de clientes de servizos de móbil e fibra a nivel estatal.

Porén, a compañía non se limita aos servizos de telecomunicacións. Nos últimos anos, o sector telco foi engandido novos produtos á súa proposta de valor, diversificando a oferta a outros sectores. Entre eles destacan os dos seguros, as alarmas, a enerxía, a saúde, os servizos financeiros ou o entretemento. A confluencia de ambos grupos suma tamén as marcas destes segmentos ao portfolio de MASORANGE.

Enerxía

Pepephone foi a primeira das marcas do grupo en ofrecer srevizos de enerxía con Pepeenergy, coa idea de presentar ás usuarias unha proposta sinxela e transparente de luz e gas, con enerxía 100% neutra de carbono. Logo adquiriron a startup LUCERA e lanzáronse novas compañías, como EnergyGO e Másmóvil Energía, luz y Gas, para as marcas do Grupo Euskaltel.

A presenza de MASORANGE no sector da enerxía semella ter vocación de continuidade, cunha alternativa na que mesmo apostan por avanzar coa instalación de placas solares para o autoconsumo, a través de EnergyGO en colaboración con Naturgy Solar.

Seguros (mesmo para mascotas!)

Que unha compañía de telecomunicacións que despacha terminais ofreza seguros de móbil pode ter bastante sentido, e así o viñan facendo coas marcas Orange, Yoigo, Jazztel, MásMóvil e Euskaltel. Ademais, a través de Orange, Yoigo e MásMóvil tamén deron un paso máis para ofrecer seguros de fogar e para establecementos comerciais.

Con Orange e Yoigo, as usuarias tamén teñen á súa disposición seguros de saúde con telemedicina. E no caso de Orange, extensíbel a mascotas co servizo de televeterinaria, sen esperas nin desprazamentos.

Servizos financeiros

No 2019 creouse unha sociedade entre Yoigo e BNP Paribas, Xfera Consumer Finance, que desde o seu lanzamento leva ofrecido máis dun millón de servizos de préstamo e financiación aos clientes de Yoigo, con condicións ventaxosas por ser usuarias da marca. Nestes préstamos súmanse préstamos ao consumo, financiación de terminais e tarxetas de crédito. Ademais, desde o 2023, Yoigo ofrece unha conta bancaria cunha remuneración do 5% TAE, con alta online e coa única condición de domiciliar nela un recibo de Yoigo.

Orange tamén contaba co seu banco, Orange Bank, mais é un servizo que non vai ter continuidade e desaparecerá neste 2024.

Seguridade

O polémico sector das alarmas tamén chegou ao sector das telecomunicacións, e son moitas as compañías que ofrecen alarmas. A través de Orange, Yoigo Másmóvil e Euskaltel viñánse ofrecendo servizos de ciberprotección, videovixilancia e alarmas, que seguirán a ter importancia nas contas do novo Grupo.

Entretemento

Por último, Orange viña destacando como agregador de servizos, solucións e experiencias de entretemento, grazas a un amplo abano de acordos con diferentes partners do audiovisual. Ofrece así cinema, series, deporte, fútbol, gaming e música.

Pola súa banda, Jazztel TV conta con 60 canles para toda a familia e acceso a máis de 10.000 contidos, e as usuarias de Yoigo, Másmóvil e Euskaltel poden desfrutar da televisión a medida a través da plataforma Agile, que tamén se comercializa para usuarias que non teñen estas operadoras.

Máis info | Servizos MASORANGE

Sobre o autor

Reply