A finais do ano pasado publicamos a nosa análise do Samsung Galaxy Z Flip5, un dos dous últimos dispositivos encartábeis de Samsung. Como cada ano, o fabricante surcoreano presenta dous dispositivos con pantallas que se poden dobrar sobre si mesmas: un deles con formato cuncha, o Flip, e outro con formato libro, o Fold.
Durante as últimas semanas estivemos a probar en profundidade o Galaxy Z Fold5. Trátase do maior aliado para a produtividade que ten a compañía, un dispositivo de gama alta que sorprende e resolve a partes iguais. A continuación deixámosche as nosas impresións.
Deseño e acabados
Non se esperaban moitos cambios no deseño, e non os houbo. Aínda que si algúns sutís, pero interesantes: un deles é un novo sistema de bisagras, e outro a redución do grosor en 2,4 mm (pode non parecer moito, pero éo cando tes algo que se asemella a “dous teléfonos pegados”).
O máis relevante é a mellora no sistama de bisagras, que agora permite que o trebello cando está encartado non deixe un gran oco. Pero máis aló de ser unha cuestión estética, este cambio mellora a limpeza, ao evitar que entre tanto pó que poida acabar repercutindo na súa funcionalidade. Con todo, Samsung garante a protección fronte a auga, pero non así contra o pó, coa certificación IPX8.
É robusta esta bisagra? Desde logo, as sensacións apuntan a que si. Samsung afirma que a reducción da curvatura permite agora aumentar a durabilidade do panel, que é capaz de soportar até 200.000 encartes durante 5 anos (uns 100 encartes ao día). Para abrilo, precisamos ambas mans, xa que exerce unha forza que dificulta a tarefa de facelo cunha soa.
O Galaxy Z Fold5 leva os botóns ao lateral dereito, por riba os controis de volume, e debaixo destes o botón de acendido, que inclúe o lector de pegadas dixitais. A fenda para a bandexa da tarxeta microSD cambia de lado dependendo de se o móbil está aberto ou pechado. Na parte superior queda un altofalante e varios micrófonos, e na inferior outro altofalante, xunto co conector USB-C e o micrófono principal.
Na parte traseira do dispositivo están as tres cámaras, que sobresaen sobre o corpo do terminal. Ao estar situadas nunha posición vertical, o trebello non queda pousado sobre as superficies de forma estable, algo que persoalmente non me acaba de convencer de todo.
En canto aos materiais, predomina o uso do aluminio e o vidro, protexido con Corning Gorilla Glass Victus 2. Xuntos conseguen achegar a sensación dun dispositivo premium como o que é.
Hardware e rendemento
Os modelos de gama alta de Samsung do ano pasado apostaron por un procesador de Qualcomm personalizado, o Snapdragon 8 Gen 2 for Galaxy. Trátase dunha versión do Spandragon 8 Gen 2 que potencia algúns aspectos que Samsung prioriza nos seus dispositivos. Este procesador vén acompañado por 12 GB de memoria RAM, combinables con 128, 256 ou 512 GB de memoria interna.
O seu compotamento é excepcional, mellorando a experiencia do modelo de cuncha, o Z Flip5, que viña con 8 GB. Naquel dispositivo comprobamos que podía mover calquera aplicación ou xogo sen retardos nin lags, a costa de sufrir certo quecemento. Non é o caso deste Z Fold5, no que seguramente eses 4 GB de RAM extra incidan en que o dispositivo non se quenta ao esixirlle un rendemento extra.
Nas opcións de conectividade temos todo o que poderíamos agardar: 5G, WiFi 6E, Bluetooth 5.3 e, por suposto, NFC para pagos móbiles. Tamén dispón de soporte para dúas tarxetas SIM e eSIM.
Pantallas
Son dúas pantallas mellor ca unha? Desde logo, nun dispositivo deste tipo, faise necesario ter ambas. A exterior é un panel de 6,2 polgadas, con resolución 2315 x 904 píxeles, e taxa de refresco que chega aos 120 Hz, como vai estandarizándose este ano. Por outra banda, o panel flexíbel interior é de 7,6 polgadas e ofrece unha resolución de 2176 x 1812 píxeles, e a mesma taxa de refresco.
A pantalla externa destaca polo seu formato alongado, que se estamos a feitos a un dispositivo estándar, pode chamar a atención. Desde logo non ten ningún problema para consumo de contidos en redes, correo electrónico ou mensaxería, e aos poucos días un acaba acostumándose a el, e sobre todo, a dixitalizar cun teclado que ten que estreitarse á forza.
Outra cousa é querer, por exemplo, ollar documentos de ofimática ou pdfs, xa que pasando a horizontalt tense unha visión moi reducida do mesmo. Aí é onde entra en xogo a pantalla interna, que resulta especialmente cómoda para traballar. Esta pantalla vén cun recubrimento que fai de protector de pantalla e que non se pode retirar. No centro, dependendo do ángulo de visión, a dobrez segue sendo perceptíbel (tamén ao tacto), aínda que menos ca noutros modelos anteriores.
A visualización en ambas é a experiencia diferencial de Samsung, conseguindo cores vivas e unha gran xestión do brillo para adaptarse ás diferentes condicións da luminosidade ambiente. A pantalla interna pode chegar aos 1750 nits de brillo, mentres que o panel AMOLED externo queda nos 800 nits, unha cifra máis que aceptable.
A experiencia de consumo de contidos non sempre aproveita o 100% da pantalla interna. Como xa dixemos, esta é especialmente cómoda para a consulta e traballo con documentos ou o traballo en multiaplicación. Tamén hai xogos que adaptan o campo de xogo a toda a pantalla, conseguindo unha experiencia moi inmersiva, mais nos vídeos -evidentemente- respétase o formato, completando con bandas negras arriba e abaixo.
Cámara
Aínda que os modelos que representan a máxima calidade fotográfica de Samsung sons os Ultra da familia Galaxy S, os encartábeis tamén veñen cun equipamento bastante interesante. No concreto, o Galaxy Z Fold5 dispón dun sistema de triple cámara na parte traseira, e dúas cámaras frontais: unha para cando o dispositivo está pechado, e outra para cando o empregamos aberto.
Na parte traseira, o sensor principal é de 50 MP, con estabilizador óptico de imaxe (OIS) e apertura de f/1.8. É o mesmo que se atopa nos Galaxy S23 e Galaxy S23 Plus do ano pasado, e ofrece uns resultados excelentes en diferentes condicións de iluminación. Esta cámara traseira complétase cun sensor de 12 megapíxeles ultrapanorámica e un teleobxectivo de 10 MP.
Samsung resolve especialmente ben as fotos de tipo retrato (con bo recorte e a posibilidade de editar o nivel de desenfoque), e tamén as que se toman en condicións de baixa iluminación, conseguindo gran nitidez e bo rango dinámico. Nas fotos con zoom, os resultados son aceptábeis.
Cando traballamos o móbil pechado, a cámara frontal que temos é de 10 MP con apertura f/2.2, que nos ofrece uns resultados moi satisfactorios na meirande parte das situacións. Ao abrilo, temos unha cámara de 4 MP e apertura de f/1.8 baixo a pantalla, que se ben non resulta moi interesante para facerse autorretratos, resolve moi ben as videochamadas.
En canto á aplicación, destacan as opcións que tiran partido da dobre cámara, como a posibilidade de ver as últimas tomas, no caso de sacar fotos co dispostivo aberto; ou a que permite tomar selfies mediante as cámaras principais, ao tempo que se previsualiza o resultado na pantalla frontal.
Software
Malia ter saído á venda con Android 13 e OneUI 5.1.1, o dispositivo xa recibiu a actualización de Android 14 con OneUI 6, que inclúe melloras no modo Flex e na cámara, así como o sistema de multitarefa avanzada que permite sacarlle todo o partido a un dispositivo destas características.
Hai unha infinidade de aplicacións que están xa adaptadas este formato de pantalla, o que fai que se axusten para sacarlle partido ao seu tamaño. Así, diversas apps de mensaxería ofrecen no modo aberto a posibilidade de ter o conxunto dos chats á esquerda e o chat activo na dereita, para ter unha visión global. Tamén ferramentas de xestión de vídeo, cunha visualización máis ampla.
Resulta interesante activar, desde os axustes do dispositivo, a función Vista Horizontal Forzada no apartado Labs, que forza aplicacións a empregar un modo máis interesante de visualización naquelas aplicacións que aínda non fixeron a adaptación a este tipo de paneis.
As opcións de ventá múltiple permite unha personalización total, podendo amosar varias apps en conxunto para mellorar a produtividade, mesmo configurando “pares” que se poden executar xuntas da maneira que se desexe.
Outra funcionalidade moi interesante, que non vén configurada de serie pero está dispoñíbel en Labs, é a opción de continuar na aplicación que esteamos a ver cando cambiamos de pantalla. Así, se por exemplo estamos a empregar a aplicación X e queremos abrir un artigo enlazado, pode resultarnos interesante abrir o móbil para poder lelo en pantalla ampliada.
Coa última actualización -OneUI 6.1- o Samsung Galaxy Z Fold5 recibiu as funcionalidades baseadas en intelixencia artificial anunciadas coa serie S24, incluíndo “circle to search”, unha das máis útiles no día a día. A de Android 14 é a primeira das catro actualizacións que Samsung ten comprometidas para este dispositivo.
Batería
Cunha batería nominal de 4.400 mAh, o Samsung Galaxy Z Fold5 sorprendeunos pola súa autonomía. A duración da batería non adoita ser o punto forte dos terminais de Samsung, mais neste modelo conseguimos uns resultados interesantes. Cun uso moderado, o Galaxy Z Fold5 pode aproximarse aos dous días completos de uso, e para xornadas intensas acadar o día e medio sen moito esforzo.
Como xa ten pasado en modelos anteriores do fabricante, Samsung reduce a velocidade de carga dos seus dispositivos encartábeis, neste caso limitada a 25W. Existen dispositivos con cargas moitísimo máis rápidas (sen ir máis lonxe, o Galaxy S24 Ultra vén con carga de 45W), mais a do Fold5 é efectiva pra cargar a batería nun tempo razoábel (50% en menos de media hora).
Tamén, por suposto, ten capacidade para carga sen fío a 15Ws, aínda que a disposición das cámaras non sempre resultan cómodas para que o trebello quede colocado sobre a base de carga de maneira 100% segura. Como nos últimos dispositivos de Samsung desta gama, tamén admite carga reversible de 5W para cargar, por exemplo, os nosos wearables.
Conclusións
Malia que existen outros dispositivos encartábeis no mercado, Samsung segue a dominar neste sector. Quen busque un dispositivo destas características terá no Galaxy Z Fold5 o mellor aliado. Como comentamos na análise, é un trebello que resulta especialmente útil para traballar con documentos, ler contidos de maneira cómoda e tamén consumo de multimedia.
Ten aspectos mellorábeis, especialmente a capacidade de carga rápida de batería, que segue a quedar atrás fronte a competencia, nomedamente cando falamos dun modelo de gama alta no que adoitan atoparse as prestacións máis punteiras.
O Samsung Galaxy Fold está dispoñíbel desde 1527 €, para o modelo de 256 GB. A versión con 512 GB sube até os 1623 €, e a versión con 1 TB chega aos 1815 €. Todos eles veñen con 12 GB de memoria RAM.